«As reservas para a cea-baile de fin de ano pechámolas en agosto»
Lalín
É dos poucos locais da zona que mantén esa velada, e que reunirá a 200 comensais
21 Dec 2024. Actualizado a las 05:00 h.
A falta de persoal lastra a organización de ceas-bailes de fin de ano en moitos establecementos de hostalaría, comenta a xerente do Restaurante Casa Pablo de A Goleta (Lalín), María del Mar García Castro, que no seu caso seguirá fiel á tradición instaurada polos seus pais e manterá esa cita especial dentro da súa oferta anual. Iso si, as reservas para o próximo día 31 están pechadas, e desde fai varios meses.
—Levan moitos anos ofertando unha cea-baile de fin de ano?
—Moitos. Nosos pais, Digna Castro e Pablo García, abriron este negocio de hostalaría pouco despois de casar, que foi no ano 1964, e xa eles comezaron a ofertar a posibilidade de vir cear coa familia aquí e despois bailar. Levamos trinta anos celebrando a cea no que chamamos o comedor grande, pero con anterioridade xa se facía no comedor que usamos a cotío para os xantares a as ceas. Eu levo vinte anos xestionando o negocio, e levábase facendo desde moitos anos atrás.
—Por que escasea tanto esta proposta na zona?
—Algún restaurante e hotel ofrecen a posibilidade de cear en fin de ano, con posterior baile, pero é certo que atopar persoal para traballar nestas datas é moi complicado. Se xa temos ese grave problema ao longo do ano, imaxínate en Nadal, Fin de Ano ou Reis. Case é unha tarefa imposible. Nós, temos a sorte de que contamos cun persoal fixo, que traballa nestas datas pero en moitos casos recorres a contratacións de persoal que case acode de favor. Son días para estar coa familia, cos amigos e ninguén quere traballar nestas xornadas. Penso que aí radica fundamentalmente o que moitos locais deixaran de organizar ceas-baile en fin de ano.
—Así é que creo que pecharon reservas en tempo récord?
—Certo (ri). As reservas para a cea-baile de fin de ano pechámolas xa no pasado mes de agosto. Pero non é menos certo que moitos dos nosos clientes xa manteñen a reserva dun ano para outro.
—Cal é o perfil desa clientela?
—Contamos con familias completas, de entre 15 e 20 persoas, que veñen cear aquí. Hai algunhas mesas; pero poucas, tres ou catro, que están reservadas para un par de persoas. Tamén é unha data na que se xuntan grupos de amigos para despedir o ano todos xuntos.
—Falamos fundamentalmente de persoas da comarca ou chegadas de fóra?
—Nas celebracións destas festividades a clientela é de Lalín, Vila de Cruces... da comarca. Nada ten que ver cos clientes que veñen comer o cocido, que aí xa son de toda Galicia.
—Para esta cea concreta de fin de ano, traballan con menús pechados de antemán?
—Si. Non podemos facelo doutra maneira. Atendemos a 200 comensais esa noite, e aínda que é necesario reforzar o servizo na cociña con máis persoal, é inviable facer un menú á carta para cada cliente. Ofrecemos pois un menú pechado con marisco, peixe, carne, sobremesa, cotillón, uvas, chocolate con churros e música en directo ata que aguanten os corpos (ri).
—Unha noite longa por diante, pero comézase cedo a cear ou máis ben tarde?
—Cedo, polo menos aquí. Habitualmente ás 21.30 está a xente ceando, e que despois veñen as uvas, e hai que ter rematado. A nosa clientela non é de vir moi tarde. É máis de marchar despois tarde (ri). É unha noite longa, de moita diversión, e penso que a xente o pasa ben. Debe ser así senón non repetirían a experiencia ano tras outro, e temos algunha familia e grupos de amigos que levan anos celebrando o fin de ano con nós. Prefiren facelo así, e non poñerse a cociñar. É unha vantaxe xa que ninguén pasa o traballo, primeiro de cociñar, e despois de recoller e fregar.
«As demandas de comida para levar están sendo este ano unha tolemia total»
María del Mar está afeita a atender a centos de comensais nos comedores do restaurante, a sacar adiante centos de comandas para as casas, pero certo é que estas datas son especiais e as demandas de comidas para levarse disparan. «É unha tolemia total. Creo que este ano hai máis demandas ca nunca, e tivemos que pechar xa as reservas. Non nos é posible atender máis», comenta con certo pesar. Para Noiteboa son cada vez máis as persoas que optan por encargar a cea directamente no restaurante; «non sei se é pola falta de tempo ou polos nervios de que non saian os pratos perfectos e prefiren deixarnos a nós esa responsabilidade», afirma. Unha data para a que xa non é posible facer máis encargas, na víspera de Nadal que é un día tranquilo. «A xente o 25 de decembro érguese normalmente tarde, e para xantar tira do que sobrou o día anterior. Non é unha xornada de tolemia como o é Noiteboa».
E que acontece de cara á festividade de Reis? Para os traballadores e responsables do Restaurante Casa Pablo tócalles disfrutar dun merecido descanso, antes de encarar outras xornadas maratonianas nas que o cocido será o protagonista. «Imos pechar do 1 ao 10 de xaneiro, que son as únicas vacacións que temos ao ano, e coller folgos para seguir servindo cocidos que xa empezamos a facelos, pero a época máis forte para nós é de xaneiro en adiante aínda que xa levamos con cocidos desde o mes de setembro».
Coa entrada do inverno e posteriormente o Mes do Cocido, arrancarán oficialmente as semanas nas que más cocidos se degustarán nos restaurantes da zona, e en Casa Pablo moitas reservas xa están tamén pechadas. «Pasa como en fin de ano temos clientes que xa reservan dun ano para outro o noso prato máis internacional», di María del Mar.