Pedra en Lalín para marcar o lugar no que Coco deu acubillo a lingua galega
Lalín

Un monolito recoñece a labor pioneira do notario Victorino Gutiérrez Aller
06 Apr 2025. Actualizado a las 05:00 h.
Un monolito de pedra na que se pode ler que «nesta casa estivo a notaría de D. Victorino Gutiérrez Aller, lugar no que a lingua galega tivo acubillo e uso continuado nos protocolos notariais» da fe e serve de homenaxe ao notable xurista lalinense, pioneiro no emprego do uso do galego no campo xurídico. A Irmandade Xurídica Galega promoveu o acto que se desenrolou onte en Lalín coa colaboración da Xunta e do Concello cando se cumpre cerca dun ano do seu falecemento.
Xoaquín Monteagudo, presidente da Irmandade Xurídica Galega fixo fincapé na «personalidade excepcional» de Gutiérrez Aller e agarda «como lle gustaría a Victorino» que «este acto servise para dar un paso adiante no que é o obxectivo fundacional da Irmandade Xurídica Galega e que non é outro que conseguir que o galego sexa lingua xurídica, lingua administrativa e lingua de uso normal no mundo do dereito». Cree que noutros ámbitos do dereito público se deron pasos adiantes como é o caso das administracións locais «no que o Concello de Lalín é bo exemplo deso», pero no ámbito privado, engade, «o avance foi mínimo ou imperceptible, por iso Victorino foi un caso excepcional. O galego ten que ser a lingua das notarias». Na comisión que está a traballar na actualización do plan de normalización de lingua galega encargada pola Xunta «unha das cuestións nucleares que vamos a propor é tomar as medidas de xeito inmediato para que unha persoa que vaia a calquera notaría de Galicia non se atope cos problemas que encontra agora para facer os actos xurídicos en galego». Como presentadora do acto, a avogada Manuela Sobrido destacou o traballo de Victorino Gutiérrez «como dinamizador da lingua galega no ámbito notarial». Coco, como é coñecido en Lalín, engadiu, «forma parte da xeración de referentes para os galegos que conseguiron novos ámbitos para a lingua galega».
Ao recoñecemento de onte se engadirá o descubrimento dun busto do notario lalinense que a Irmandade Xurídica Galega levará a cabo en Santiago en xuño.
O xurista Carlos Varela lembrou o traballo «dun home consecuente coa realidade social que lle tocou vivir amosando unha profunda sensibilidade cara o noso idioma que non dubidou en incorporar como lingua oficial e protocolaria na redacción dos documentos notariais». Destacou a súa participación de Victorino Gutiérrez en calidade de experto no proceso de desenvolvemento do dereito civil galego o a súa elaboración dun formulario notarial que foi o primeiro manual destinado a facilitar aos notarios o uso do galego na redacción de instrumentos públicos. Valentín García, secretario xeral de Normalización Lingüística da Xunta, agradeceu o seu apoio e a axuda brindada «a xeración dos que como min nos incorporamos a principios dos 90 a traballar normalizando a lingua galega no ámbito da Administración». O alcalde de Lalín, José Crespo,
En nome da familia, especialmente da súa nai Esther da Silva e dos seus irmáns Román e Manuel, Victorino Gutiérrez da Silva agradeceu a Irmandade Xurídica Galega, ao Concello e a Xunta o acto, indicando que «para min o meu pai sempre foi o meu Gary Cooper particular meu, ese heroe silencioso, humilde pero valente» e incidiu na súa proximidade e no seu trato humano. Pola súa parte, o alcalde de Lalín, sumábase a o recoñecemento e as loubanzas de Gutiérrez Aller nun acto que contou co presenza de representantes de moitos colectivos galegos, autoridades, amigos e veciños.