Festa da Virxe do Carme na parroquia de Santa Mariña de Pescoso (Rodeiro)
Rodeiro
Unha notable igrexa parroquial e pegadas romanas e fidalgas
01 Sep 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Coma en moitas parroquias dezás e galegas a grande devoción popular a Virxe do Carme, relegou a patroa, Santa Mariña de Pescoso, a un segundo plano, deixándoa sen celebración festeira dende hai décadas. A Santa Mariña, que preside o retablo principal da igrexa, nin sequera sae na procesión que os veciños celebran na festa que dedican a Virxe do Carme, nesta ocasión en dúas xornadas da pasada fin de semana. Houbo misas solemnes oficiadas polo cura da Portela, Sabino Seijas e procesións coa imaxe da Virxe que se encargaron de portar as mulleres arredor da igrexa.
Rematada a liturxia, houbo sesión vermú no campo da festa, xantares con festeiros nas casas da parroquia e pola noite verbenas as que puxeron música a Charanga Unión Penosa, a Orquestra Saudade e o Dúo Ciclón. Anos atrás, nas vésperas víñanse celebrando unha festa gastronómica coa denominación Festa do Mar e do Monte que no ano 2018, chegaba a XVIII edición. A parroquia aínda celebra a Santa Cruz, a fin ais do mes de abril, pero despois da pandemia, os foguetes e musica desapareceron, ficando reducida a un xantar nas casas cos parentes e festeiros.
Notable igrexa románica
Malia a reformas que se levaran a termo no século XVII para a súa ampliación e a principios do XX, logo de que caera derrubada a fachada principal, a igrexa de Pescoso conserva a traza e moitos elementos arquitectónicos do románico en que fora construída no século XII. É un templo de considerables dimensións, propio dun mosteiro coma os que se poden ver na nosa comarca en Dozón, Camanzo ou Órrea, promovido este quizais, polos frades de Oseira que tiveron rendas e dominio nesta e noutras parroquias das terras de Camba.
Desta igrexa teñen publicado os mais celebres expertos da arte románica, destacando as súas dimensións, a ábsida semicircular, única no municipio de Rodeiro, e o arco triunfal con capiteis finamente decorados. A principios do século XX, retratárona os membros do Seminario de Estudos Galegos, cando aínda tiña as portas románicas orixinais, ficando as fotos no arquivo do Museo de Pontevedra, segundo publicamos nun artigo publicado neste xornal o 9-12-2023 co titulo As portadas románicas da igrexa de Pedroso.
Do que ninguén se ten ocupado e de dar conta dos fermosos retablos e imaxes que conserva esta igrexa no interior. O retablo principal, de transición do barroco ao neoclásico, está presidido pola patroa Santa Mariña, con Santo Antonio de Padua e San Miguel Arcanxo aos lados, as tres imaxes do século XVIII. Nun dos retablos laterais ambos a xogo co principal, a Virxe do Rosario, flanqueada por San Benito e San Roque e no noutro, a Virxe do Carme que se festexa , con San Xosé e outra imaxe da Nai de Deus, esta de nova feitura. Nun pedestal mostrase a imaxe Virxe de Fátima cos pastores e na mesma parede lateral , colga a grande Santa Cruz de madeira, que se venera e festexa, como xa se indicou.
Lamentablemente perdéronse as pinturas murais que tiña no interior, con escenas bíblicas, a paixón de Cristo e o xuízo final e imaxes de Deus, que ocultas baixo a cal desapareceron cando se deixou a pedra a vista en tempos recentes.
Romana e fidalga
Na parroquia poden verse restos da época romana e tamén da fidalga, que mesmo aparecen mesturados na casa grande de Sa, unha morada fidalga da que se levaron hai uns 50 anos, dous escudos que tiña no portalón de entrada e canterías ben labradas da capela e outras construcións, para o pazo de Cartelle no municipio lucense de Carballedo. Mesmo diante desta casa fidalga hai tres anacos de miliarios romanos e un cuarto nun cuberto fronte a casa, que sinalaban unha antiga calzada que por aqui pasaba cara a Adelán en Guillar, onde tamén hai outro par deles, que catalogamos tempo atrás.
De varias portadas medievais existentes nesta parroquia, dúas en Pescoso e unha en Cabanas, onde tamén poden ollarse dous sartegos saídos da igrexa que fan de bebedoiro para o ganado, demos razón nunha reportaxe que publicamos recentemente.