La Voz de Galicia

Unha paella para 1.800 comensais en Cortegada, con 1.200 quilos de produto

Silleda

amelia ferreiroa lalín / la voz

A parroquia silledense pecha hoxe a venda de entradas para a cita do sábado

18 Jul 2024. Actualizado a las 05:00 h.

A Festa da Paella de Cortegada, en Silleda, irrompe no amplo calendario gastronómico da zona coa celebración este sábado da súa XXII edición. Un evento para o que restaban onte unhas 200 entradas aproximadamente, e que aínda se poden adquirir ao longo desta xornada, a última establecida pola organización para completar o aforo establecido en 1.800 comensais. Unha cifra que os organizadores non pensan aumentar «para poder atender o máis axeitadamente a todos os que veñen á festa. Queremos que todo o mundo marche contento, e para irnos a máis comensais é necesaria máis infraestrutura», subliña dende a organización Román Peña.

Sorprendidos polo bo ritmo de reservas contabilizadas nos últimos días, aos organizadores quédanlle xornadas maratonianas para preparar toda a engranaxe da festa. Cos 250 quilos de arroz procedente de Castellón, que se prevé estea xa a esta hora na parroquia silledense, quedan centos de quilos de verduras por cortar e carnes que preparar antes de que pasen á xigante paelleira da que volverá a encargarse o cociñeiro Santi Becerra. «O arroz vén de Castellón xa que Santi usa esa marca, pero logo hai que cortar os 75 quilos de verduras, cocer os 200 quilos de mexilóns, máis de 200 de carne de costela e polo... En total son uns 1.200 quilos de ingredientes os que se empregan na festa», comenta Román. Unha complicada loxística da que se encarga a comisión organizadora da festa, «e na que colabora tamén activamente a familia de cada un de nós. En total seremos aproximadamente unhas vintecinco persoas, e todas as mans son necesarias xa que non só hai que cortar verduras, hai que facer o mesmo co pan, o queixo e o marmelo que poñemos de sobremesa e tamén embolsar os cubertos, algo que xa está feito agora mesmo», explica Peña.

A parte musical da Festa da Paella de Cortegada correrá a cargo da orquestra Cinema e do grupo Fussión o sábado, mentres que o domingo haberá actuación do grupo Os Trasnos de Doade e pola tarde; dende as 17 horas, celebrarase unha festa para a cativada.


Comentar