La Voz de Galicia

Colmeiro, 25 anos sen o pintor da cor e dos sentimentos

Silleda

RocÍo Ramos Lalín / la Voz

A esencia da obra deste silledense universal sempre estivo na súa aldea

15 Nov 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Van alá xa 25 anos da morte de Manuel Colmeiro (Chapa, Silleda, 1901-Salvaterra de Miño, 1999). Con el foise o derradeiro dos chamados eiros, artistas de vangarda que usaron a temática galega e membro dun grupo encabezado por outro mestre, o lalinense Laxeiro. Foi un dos artistas máis relevantes da historia da arte galega, un renovador e un referente da plástica contemporánea.

A vida de Colmeiro, que tivo o privilexio de ser testemuña dos acontecementos de case todo un século, levouno dende moi neno fóra de Galicia. Cando tiña nove anos, seus pais emigraron a Bos Aires, e el marchou para alá cando tiña 12.

Pero foron eses anos na súa aldea en San Fiz de Margaride, en Silleda, os que marcaron a súa vida e a súa pintura. Alí volveu sempre para, como el dicía, «reciclarse e recuperar a luz e as cores de Galicia». No ano 1999, Fernández Viéitez, daquela alcalde de Silleda, lembraba as viaxes do pintor dende a capital francesa, onde xa tiña estudio e amigos na elite dos artistas internacionais, a Margaride conducindo o seu catro latas.

 A súa formación artística empezou en Bos Aires de rapaz, e xa daquela fuxía do academicismo. En 1926 tornou a Galicia e, dous anos máis tarde, acadou unha bolsa da Deputación de Pontevedra que lle permitiu viaxar a Madrid e Barcelona. O seu compromiso social e político levaríao de volta a Bos Aires tras a sublevación franquista en 1936. Na Arxentina participou no ambiente intelectual dos exiliados, entre os que se atopaban figuras relevantes como Seoane ou Dieste; e en 1948 instálase en París para volver definitivamente á súa terra en 1986.

Inimigo da vida pública, das algaradas e os recoñecementos, o escritor Xosé Neira Vilas describía a Colmeiro como «un home atento, sinxelo e de poucas falas». A súa pintura falaba por el, e facíao cos verdes do Deza, os azuis do ceo ou os amarelos da sega. Son o espello dunha Galicia rural onde todos nos sentimos reflectidos e que el soubo pintar dun xeito novo.

Dende París, dende América... alá onde estivo, Colmeiro sempre pintou Galicia. Na Cidade da Luz, cando xa era un artista recoñecido, atribuíaselle unha grande influencia de Cezánne, pero contaba a artista Mónica Alonso —comisaria dunha mostra dedicada ao pintor silledense no 2021— que Colmeiro manifestara que nunca coñecera antes a obra de Cézanne. Alonso entendía que a pintura fauvista de Colmeiro «ten a súa orixe onde naceu, en Margaride, por iso se fala de fauvismo galaico».

 A muller, no eixe

 Se a paisaxe, as feiras, os labores do campo son un tema recorrente nos seus lenzos, a muller é un dos eixes fundamentais das súas creacións, nas que non abundan as figuras masculinas, pero si as femininas.

Colmeiro foise como el quería, tal e como deixou escrito no seu testamento, cun enterro sinxelo, de quen fuxía de ser protagonista doutra cousa que non fose a súa arte. Descansa en Margaride no panteón familiar, onde no seu epitafio se pode ler: «Pintei e amei o meu pobo».

Especial de La Voz para afondar no seu legado

La Voz de Galicia publica mañá sábado un especial que, baixo o título de 25 anos sen Colmeiro, recolle unha escolma de artigos nos que artistas, académicos, críticos e historiadores, entre outros, afondan na vida e obra deste artista universal.

 O presidente da Real Academia de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, destaca a mirada de Colmeiro, que é, di, «dentro dos renovadores, o que máis se achega á nosa paisanaxe», e faino «empregando a visión da Galicia rural con naturalidade, e cunha manifestación que entronca coas visións dos fauvistas».

Do trato co pintor nunha visita ao seu estudio en Silleda, Quintana Martelo lémbrao «cortés, serio e un pouco pechado». Un artista «imprescindible, por dereito propio, da nosa arte e do noso pensamento cultural».

A crítica de arte Mercedes Rozas coincide con Quintana Martelo no identificable que resultan as creacións de Colmeiro. Escenas de feiras, romarías, mulleres vendendo froita, panadeiras, labregas, en estampas que se nos fan familiares.

Nunha das súas últimas entrevistas, Manuel Colmeiro contaba que, «ao pintar, o fas con toda a alma para conseguir aquilo que te propós, que non é realidade morta, senón realidade viva». E esa realidade viva que sae dos seus cadros é a que analizan neste especial o crítico David Barro ou o historiador e crítico Carlos L. Bernárdez, que inciden no compromiso de Colmeiro e a identidade da súa obra ata a Guerra Civil.

A artista e doutora en Belas Artes Mónica Alonso fala do poder de sandar das paisaxes de Colmeiro, esa natureza da saudade que, para o artista Antón Patiño, está feita «de cores intensas e texturas vibrantes» para «un tecido lumínico».

Un artista internacional e comprometido que gaban o escritor Carlos G. Reigosa; o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o de Cultura, José López Campos, e para o que a Asociación de Amigos do Pintor Colmeiro soñan cun catálogo razoado da súa obra. Todos eles celebran a memoria deste creador que renovou a arte dende a esencia máis pura da Galicia rural.


Comentar