La Voz de Galicia

Sensibilización sobre a realidade da muller en varios eidos, no Marco do Camballón

Vila de Cruces

06 Mar 2020. Actualizado a las 05:00 h.

Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, o IES Marco do Camballón de Vila de Cruces organiza para o próximo 11 de marzo o I Encontro Feminista, nun acto que estará aberto ás familias e á veciñanza interesada. Escollendo o Auditorio Xosé Casal como punto do encontro, que se abrirá ao mediodía, o alumnado da materia de Artes Escénicas (4.º da ESO) encargarase de presentar o evento co que se busca sensibilizar sobre a realidade da muller en diversos eidos. Un grupo de estudantes da materia de Igualdade de Xénero, de 2.º da ESO, ofrecerá unha panorámica xeral das desigualdades que sofre a muller dende o punto de vista sociolaboral. Pola súa banda, os alumnos de Iniciación ao debate (1.º e 2.º de BAC) moderarán unha mesa na que achegarán as súas experiencias a artesá Elena Ferro, Paula Rivela (xestora cultural), Pilar Vispo (da Casa da Quenlla), Mónica González (inspectora de traballo e membro de Azos Feminsitas) e Ana Rodríguez (de Leilía). No acto coñeceranse tamén os premiados no I Concurso de cuñas radiofónicas sobre igualdade, convocado polo instituto, para rematar finalmente cunha actuación musical da alumna Noa Guzmán Gómez.


Comentar