La Voz de Galicia

«A crise do lácteo é un pouco culpa de todos, incluida a Administración»

Economía

maRIO BERAMENDI SANTIAGO / LA VOZ conselleira de medio rural

A nova responsable da política agraria, Ángeles Vázquez, cree que nos últimos meses houbo, pese a todo, avances para o sector gandeiro

06 Dec 2015. Actualizado a las 05:00 h.

Filla de gandeiros, vencellada de sempre ao mundo rural, Ángeles Vázquez (Melide, 1972) foi unha das grandes sorpresas da última remodelación feita por Feijoo na Xunta, a inicios deste outono. Deixou a alcaldía por un asento dende o que deberá afrontar cun dos máis graves problemas que castiga a Galicia: a interminable crise do sector lácteo, que sigue latente pese ao acordo sectorial asinado hai dous meses.

-¿Cre que se están a dar os pasos correctos para atopar unha saída a esa crise do leite?

-Estanse a poñer as bases, que era que tiñamos que ter feito hai moito tempo e moitos anos. Avanzouse na investigación xenética, na modernización das explotacións, pero descoidamos a transformación. Non todos os eslavóns fixeron os deberes.

-¿Como se reparten as responsabilidades?

-A crise do lácteo é un pouco culpa de todos, incluída a Administración.

-¿E que se lle pode achacar ao poder político?

-Cando as cousas ían ben non fomos quen de advertir de que se estaba fallando en algo. Tal vez insistir en ser máis fortes, en aumentar a base cooperativa. E concentrar esforzos. Ao mellor no temos que contar con 1.200 cooperativas en tódolos sectores.

-¿Que expectativas ten co acordo lácteo?

-Boas. Esta mesma semana, insistindo dende aquí, levámonos a grata noticia da publicación do decreto que vai permitir coñecer os prezos de cesión, saber cómo cobran os eslavóns da cadea. Tamén está o contrato único. Podo sentirme minimamente satisfeita: agora toca poñerse a traballar.

-¿En que?

-Nun plan estrutural do sector lácteo. Temos fortalezas: explotacións, capacidade de traballo, calidade do produto... Pero tamén unhas debilidades: falta de base territorial e moita fragmentación. Non pode ser que eu me sente nunha mesa con 50 persoas do sector.

-O gandeiro está desmotivado, non ve que suban os prezos...

-En relación aos prezos mínimos se lle deron unhas expectativas que sabía que non se ían cumprir. Tamén perderon cartos nas mobilizacións. E teñen que saber que se conseguiron cousas.

-¿Como cales?

-Que non seguira baixando o leite, como se pretendía; que se retiraran os contratos á baixa e que se deixara de usar o leite como reclamo no lineal de venda. Ao gandeiro vaille axudar saber que a través da cadea de valor imos ter mecanismos para sancionar: a industria e a distribución terán que facer exames de si mesmas.

-¿Vostede confía en que poda haber multas?

-Estou convencida. E que ten que habelas. Con isto non quero demonizar ás partes porque hai xente que está a facer ben as cousas.

-¿Non ten Galicia marxe para lexislar nas sancións?

-Si. E nesa liña estamos traballando. Por exemplo, no control. Non se pode dicir que é leite galega cando non o é, nin vender un cartón a cincuenta céntimos.

-Hai factores de inestabilidade do sector que as veces esquecemos. Galicia segue a ser o sumidoiro dos excedentes europeos, o que contribúe a tirar os prezos. ¿Como podemos frear isto?

-Este é un problema forte. A produción mundial segue crecendo mentres baixa o consumo. Na UE hai libre circulación de mercancías e, polo tanto, nós temos que velar polo control de calidade. Esixirlle a eles o mesmo que a nós. O mesmo acontece co transporte. ¿Onde podemos actuar? Organizándonos e mellorando a transformación.

-¿Como van actuar aí?

-Aqueles proxectos que sexan viables ímolos apoiar. Xa o estamos facendo. Evidentemente, Alimentos Lácteos foi un fracaso, pero a experiencia de Clesa é un éxito. Hai que mirar para adiante. Cando falamos do leite que nos entra de fóra non especificamos que moitas veces ven xa transformado en queixos, iogures, nata, manteiga... Nós temos unha debilidade industrial na que hai que traballar.

-¿Por que non se fixo antes? Levamos xa décadas falando disto...

-Houbo un traballo que si se desenvolveu: redimensionar e modernizar as explotacións. Avanzar na calidade xenética. Non se pode falar de perda de granxas sen precisar o que producen as que hai agora e cantas cabezas de gando teñen porque entón estamos a dar unha imaxe distorsionada. Temos máis produción e máis vacas pese aos peches. Dito isto, queda moito: avanzar no cooperativismo, pero cara un modelo transformador, como no resto de Europa.

-0 medio rural galego afronta unha crise demográfica e de rendibilidade que pon en serio risco a súa viabilidade no tempo...

-O meu concepto de rural é que temos que cambiar a imaxe: os primeiros que temos que crer nas fortalezas do campo somo os que vivimos nel. E iso ser capaces de trasladarllo aos nosos fillos.

-0 concepto é importante, pero a realidade é a que é. Os mozos pensan que se vive mellor nas cidades, que hai máis oportunidades.

-Cando digo isto sempre me contestan que é politicamente incorrecto: o rural ten que reestruturarse, reinventarse... Se non o facemos nós o vai facer o paso do tempo. E será moito peor. A fixación de poboación pasa por unha estratexia na que falemos de empresas e non de explotacións. Por iso insisto tanto no modelo dunha base cooperativa transformadora.

«O forestal é outra claves para xerar máis riqueza no rural, producimos o 50 % da madeira»

Aínda que a crise do leite ocupa gran parte da actualidade do medio rural galego, a nova conselleira -cumpre 60 días no seu cargo- extrapola os argumentos que manexa a outros subsectores. Pero a gran cuestión que se propón agora é ver cales son as actividades que están chamadas a garantir a medio e longo prazo a sostenibilidade económica do campo galego.

-Indo ao concreto, ¿onde cre que se debe priorizar a estratexia para crear máis riqueza no rural e fixar poboación?

-Na propia gandería, no vacún de carne. Neste sector ás veces non somos quen de abastecer ao noso propio mercado. E iso é un problema: podemos producir moito máis. O forestal é outra das claves para xerar máis riqueza: producimos o 50 % da madeira do Estado, cunha dimensión económica moi importante.

-En ámbolos casos hai un problema: a estrutura minifundista da propiedade da terra. ¿Como van resolvelo?

-Concienciando á xente de que o rendemento en parcelas pequenas é nulo. Un monte improdutivo gasta cartos públicos apagando lumes cando tiñamos que estar investindo eses recursos no monte, en reforestar, que é o que beneficia á xente que vive no rural.

-¿Por que entón cada ano dedican máis fondos á extinción que a plantar e coidar o monte?

-Non é exactamente así. Estase a investir a tendencia. Neste 2015 duplicouse o orzamento para reforestacións: pasamos de 20 a 50 millóns de euros. ¿É pouco? Seguramente si, pero por algo temos que empezar. Cando menos é máis do que había.

-Fálase de concienciar á xente, pero hai moitas experiencias falidas de concentración da propiedade: o banco de terras e as unidades de xestión forestal co bipartito e agora as sociedades de fomentos forestal, as Sofor...

-Esta é unha figura que está custando implantar, pero xa temos cinco, e cunhas dimensións considerables. ¿Por que o digo? Primeiro ten que crer nela o dono do monte. Temos que explicarlla. Nin eu mesma coñecía moito esta figura. Temos un recente caso en Serra de Outes, onde uns mozos, algúns residentes alí e outros non, puxéronse dacordo para agruparse. Falamos de zonas azoutadas polos incendios. Traballaron coas súas familias, cos seus pais e cos seus avós, e convencéronos de que era necesario. E eles lles dixeron: ¡Tomade, aí tedes o monte: facede o que queirades!

«Estou en política de casualidade»

Aos seus 43 anos, licenciada en Xeografía e Historia, Ángeles Vázquez construíu a súa carreira política na súa vila natal, Melide, empezando de concelleira e acabando de alcaldesa.

-¿Por que pensa que Feijoo nomeouna conselleira?

-Por ser unha persoa moi apegada ao rural e porque trasladaba constantemente os problemas que eu vía dende o meu municipio tratando tamén de darlle unha solución. Non vexo máis motivos.

-¿Como acabou na política?

-Estou nela de casualidade. Nin sequera pensei nunca en dedicarme. Non teño tampouco ningún familiar que o fixera.

-¿Que pasou entón?

-Entrei nas municipais de 1999. Eu estaba en Melide, facendo o curso de adaptación pedagóxica e empecei no concello na radio municipal, na que estiven tres anos. Empecei a levar a comunicación do Concello. Cando foron as eleccións propuxéronme ir de recheo nas listas, de número nove. E aceptei.

-E saíu...

-Exacto. Non o pensaba. Recordo que vivín aquela campaña sen moita implicación. Pero logo decidín ser concelleira con dedicación exclusiva. E claro, iso non era compatible coa radio. Logo fun alcaldesa, despois chegou un bipartito, e finalmente volvín gañar a alcaldía.

-¿Por que cre que os cidadáns de Melide lle devolveron a confianza?

-Non o sei. Non creo que porque uns o fixeran mellor e outros peor: quizás por constancia, por casualidades... Non é fácil gobernar e déronme un voto de confianza. A máis gratificante das vivencias é a política local: ves nacer os proxectos, como medran, como saen adiante.

-Moita xente segue vinculando o PP ao clientelismo no mundo rural...

-A imaxe do PP nas vilas como un partido vencellado ao caciquismo rural estase perdendo: xa case non existe. Forma parte dun pasado.

-¿A quen votou nas súas primeiras eleccións xerais, é dicir, nas de 1993?

-Pois non o recordo. A nivel local sempre ao PP. Eu vivía entón a política como algo lonxano. Pero si lembro que na miña casa, que eran do PP, cando era moza, estudante, gustábame levar a contraria, quería ser máis rebelde, dar a contra ao que escoitaba na casa.

-¿De que se sente máis orgullosa na súa etapa en Melide?

-Da confianza da xente. Sempre conservei os mesmos amigos gobernando e na oposición. E me sentín unha máis.

-¿A que político admira?

-Pois ao presidente da Xunta. Ogallá tivera eu a metade da súa capacidade para traballar e de visión sobre cal debe ser o futuro. Se non fora por el eu non estaría aquí.

-¿Que fai vostede no seu tempo libre?

-Nestes dous últimos meses non o tiven. Cando podo desfrutalo dedícollo aos meus fillos. Teño un pequeno, de sete anos, e outro de 13, na preadolescencia. El está encantado porque pensa que teño menos control sobre el, ou iso pensa. O máis pequeno repíteme incesantemente que volva ao meu posto de traballo en Melide. A verdade é que teño necesidade de estar con eles. Ir na bicicleta ao cine. E tamén conservo os amigos de sempre, os de antes e despois da política.

-¿Que tal concilia?

-Pois non é doado. Eu podo dedicarlle tantas horas á política porque teño a miña nai. E teño unha nai que lles esixe aos meus fillos. Digamos que é unha avoa nai. Ás veces moito máis ca min. O pequeno cando se pon mal dime que lle deixe que o coide a avoa. En ocasión éntrame certo remordemento de conciencia.

-¿Onde estudan os seus fillos?

-En Melide, en colexios públicos, que foi onde estudei eu.

-¿Dálle paga aos nenos?

-Eu non; teñen unha asignación dos avós de 50 euros mensuais. E deses cartos procuramos que gran parte vaian ao peto, ao aforro. Os cativos teñen que aprender o que custa gañar os cartos, saber que non caen do ceo.

-Unha comida favorita...

-O cocido en Galicia, e de fóra non me desgusta a paella.

-Un libro...

-Cinco horas con Mario, de Miguel Delibes. Lino nun momento que me colleu moi sensible e é unha obra que nunca esquecín e que sempre teño de referencia.

-Unha película...

-Non son de películas. Nunca remato de velas. Empezo cinco ou dez minutos pero paro enseguida. Aínda coincidín hai pouco nuns viños cunha das miñas compañeiras de piso en Santiago de cando estudaba e preguntoume se seguía facendo o mesmo. As miñas amigas sempre mo recordan. Eu prefiro imaxinarme o final. Non sei se terei algunha enfermidade (ri).


Comentar