A Xunta pedirá máis potencia para o nó de transición xusta de Meirama
Economía
O Goberno galego presentará alegacións ao concurso
24 Jul 2024. Actualizado a las 18:39 h.
O comité executivo de Enerxía do Consello Galego de Economía e Competitividade presentará alegacións ao borrador do concurso do nó de transición xusta de Meirama, convocado polo Goberno central o pasado 15 de xullo. O executivo galego non está dacordo con que o borrador unicamente prevea a convocatoria de 408 megavatios de potencia, 150 menos dos que tiña a central térmica de Naturgy nesa localidade coruñesa. «Un documento que, tal e como se dixo na xuntanza, chega con retraso, pois debería terse acompasado cos traballos de demolición e desmantelamento da central», afirman fontes da Consellería de Economía.
O obxectivo do concurso é outorgar dereitos de acceso á rede eléctrica a proxectos de renovables e almacenamento que se executen en zonas vinculadas ao peche de centrais térmicas de carbón, como é o caso de Meirama, para mitigar o impacto do seu desmantelamento e asegurar a reindustrialización destas zonas.
O comité tamén considera que se debe valorar a viabilidade ambiental dos proxectos pero sen ter que recorrer ao mapa de sensibilidade ambiental do ministerio, «que unicamente é unha ferramenta orientativa». Ademais, alegarase que deben establecerse mecanismos que garantan a compatibilidade dos proxectos adxudicatarios desa potencia renovable.