La Voz de Galicia

Como deben estudar os rapaces

Educación

Celso Currás

01 Mar 2024. Actualizado a las 15:52 h.

Aínda que as técnicas de estudo e de traballo intelectual figuran de maneira transversal nalgúns currículos, deberían constituír unha materia propia, dada a súa importancia no éxito académico. O alumno que non ten un dominio básico delas perde o tempo e acaba por acumular fracasos, que van desde a non superación de exames ata incluso o abandono escolar.

 

Para que o estudo resulte eficaz hai que ter, en primeiro lugar, motivación, vontade e capacidade de esforzo. Débense atopar razóns, intrínsecas ou extrínsecas, para estudar con responsabilidade e aproveitamento, e conseguir que esta actividade se converta nun hábito, pois se non hai satisfacción e constancia os resultados son negativos. Lograr que aos fillos lles guste o estudo pasa por fomentar a afección á lectura, a curiosidade e afán por saber e a sensibilidade polo artístico.

As condicións físicas son tamén moi importantes. Para estudar hai que contar cun lugar cómodo, tranquilo e con boa iluminación, sendo recomendable unha habitación independente. Un dos maiores inimigos do estudo é a perda de tempo, razón pola que os aparellos tecnolóxicos (móbil, ordenador, tableta...) utilizaranse neste tempo de traballo intelectual como medios de consulta ou aprendizaxe, pero non como fins lúdicos ou de ocio. Este aspecto debe ser controlado polos pais, sobre todo nas primeiras etapas escolares, nas que moitas veces é máis importante o estímulo e o sentido común que a implicación directa nos deberes escolares.

O mellor é estudar sempre á mesma hora, no mesmo lugar e seguindo unha planificación previa, plasmada nunha táboa na que figure a semana e uns horarios realistas e equilibrados. Constancia e concentración son decisivos para adquirir un hábito de esforzo intelectual que durará toda a vida académica do estudante.

O acto de estudo require sobre todo de dominio da rapidez de lectura e de escritura, de comprensión lectora, de consulta de información, de capacidade de resolución de problemas ou de memorización. Cando se trata de textos debe comezarse por unha ollada inicial exploratoria para logo comprendelos nunha segunda lectura. Co fin de facilitar a asimilación do esencial pódense facer subliñados e posteriores esquemas que facilitan a memorización, aspectos para os que existen técnicas útiles. Hai dous aspectos esenciais neste proceso que condicionan o éxito: a comprensión do que se le e a repetición constante do aprendido. En materias de ciencias son fundamentais ademais a capacidade de cálculo e de razoamento.


Comentar