Beatriz Varela: «Rodríguez-Abella viu coma ninguén o potencial educador da cidade»
Educación
O que fora xefe de Educación recibirá este próximo venres unha homenaxe póstuma
09 Dec 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Aínda non sentou na mesa do Araguaney e xa está a falar de seu home e compañeiro de traballo, Xosé Manuel Rodríguez-Abella Gómez, que recibirá unha homenaxe póstuma o vindeiro venres no Teatro Principal. «Hai moita expectación. Estamos moi nerviosos. ‘Que merecida' é a frase máis repetida pola xente logo de recibir o convite», afirma a súa viúva e compañeira de traballo, Beatriz Varela Morales (Carril, 1965). Rodríguez-Abella, que finou no 2018, foi o pedagogo-xefe por excelencia do departamento municipal de Educación, en cuxa función sobresaíu como creador insaciable de ferramentas e espazos didácticos.
«Xosé facía partícipe da súa actividade profesional a todos os colectivos da cidade. Empezamos nos anos oitenta facendo educación vial en colaboración coa Policía Local, algo que non foi doado. A campaña de animación á lectura era moito máis, era propiciar as infraestruturas a tal obxecto, como bibliotecas nos barrios. Creou unha brigada para dar resposta ás incidencias que se presentaban nas instalacións dos colexios; hoxe iso faino unha empresa. Daquela había dezaoito escolas unitarias e hoxe quedan tres. El defendía a súa permanencia para que os cativos non tivesen que ir a colexios grandes», rememora Varela.
As unidades didácticas que puxo en marcha Xosé Manuel, cando o departamento estaba na Rúa do Vilar, eran un ben moi aprezado pola cidadanía de Compostela, non só polos escolares. «A da Alameda aínda hai xente que a pide. Daquela fixéranse da Banda Municipal, Bombeiros, Policía Local, Observatorio Astronómico… que pertencían á colección Coñecer Santiago, cidade educadora. Para Xosé toda a cidade era unha aula aberta. Consciente de que o tempo dos mestres é escaso, el impulsou a elaboración do material necesario para darlles todo feito e que puidesen realizar as actividades coas ferramentas necesarias. Tamén procupáballe moito a recuperación da memoria histórica», tal como explica sen parar a súa compañeira profesional e de vida. A posta en valor da Granxa do Xesto tamén tivo que ver con este santiagués que naceu en Negreira en 1957. «Coa axuda de alumnos dos cursos de capacitación agrícola levamos alí a escolares, e as súas familias, a plantar árbores autóctonas. El sempre quería crear espazos de uso ou de tempo libre. Viu coma ninguén o potencial educador da cidade», segundo subliña a tamén pedagoga e técnica do departamento de Educación do Concello de Santiago.
Un documental titulado Xosé Manuel Rodríguez-Abella, a intelixencia educadora será o alicerce do tributo, promovido pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, o Concello de Santiago e a Xunta de Galicia. Unha ducia de voces trazan na cinta o poliédrico perfil de Xosé —«dinamizador incansable da lingua e cultura galegas»—, entre elas as de Víctor Ferreira, Xerardo Estévez, Antón Costa, Suso de Toro ou a da propia Bea. «Eu traballei cóbado con cóbado con el, seguíamos na casa. Deixamos a vida no Concello. Malia ser dúas persoas moi diferentes, eramos un tándem. Custou abrir camiños novos e moitas incomprensións; pero Xerardo e Víctor entendérono moi ben, foron quen de ver ese potencial educador da cidade», engade. «Esta homenaxe na súa memoria é unha alegría inmensa para a familia e supón que os nosos fillos —Sara e Marcos— poidan entender o que seu pai fixo por construír unha cidade mellor», advirte Bea. O grupo de música antiga Resonet, co que o homenaxeado fixera concertos didácticos, poñerá o broche a este digno recoñecemento público.