La Voz de Galicia

Martiño Noriega: «Para convidar onde almorzo hai que desenfundar rápido»

Elecciones 2020

S. Lorenzo Santiago / la voz candidato de compostela aberta á alcaldía
Martiño Noriega, frente a la facultad de Medicina de Santiago

«Nunca traizoaría os principios que me levaron a exercer a política institucionalmente»

19 May 2019. Actualizado a las 05:00 h.

Arribou á alcaldía de Santiago hai catro anos invocando máis rock and roll e remata un mandato marcado por unha certa cadencia jazzística, que mesmo sendo contundente no ritmo permite ir amodo na execución. Martiño Noriega (A Coruña, 1975) confesa «ter prolongado a campaña mentres durmía». Di que o primeiro que fará no día seguinte ás municipais, nas que opta a ser reelixido á fronte da lista de Compostela Aberta, é cumprir os deberes como alcalde, que seguirá sendo en funcións «pase o que pase» o domingo, e «intentar recuperar o tempo perdido na campaña coa miña filla e co meu fillo».

 

 

1. Cantas horas dorme ao día? Que soñou hoxe?

Tendo en conta o ritmo de traballo no Concello e o feito de ter unha nena de cinco anos e un bebé de 11 meses, coido que son optimista se digo que durmo unha media de seis horas ao día. Lembro os soños só no momento de espertar, pero vounos esquecendo co paso das horas. Aínda así, teño a sensación de ter prolongado a campaña electoral mentres durmía.

 

2. Que serie está a ver ou cal foi a última que viu? Ten plataformas de pago?

A última serie que vin foi a primeira temporada dos Peaky Blinders. Non teño plataformas de pago.

3. Se lle desen a elixir, con quen tomaría agora mesmo un café ou unha caña? E, xa postos, café, caña, refresco...?

Coa miña parella. E, dependendo da hora, valeríame o café ou a caña. Non son moito de refrescos.

4. Bote a vista atrás. A que lugar ou momento volvería?

A calquera das illas que tiven a ocasión de viaxar, porque a insularidade ten un aquel de protección nestes tempos modernos. Teño un retorno pendente á illa de El Hierro, un lugar magnético.

 5. Cando foi a última vez que convidou a alguén a tomar algo?

Na última rolda que tiven a ocasión de pagar nun café preto do Concello, no que almorzo cada día, acompañado da clientela habitual. Un lugar no que hai que desenfundar rápido para poder convidar.

 

 6. E cando foi por última vez a cear con amigos?

A paternidade e a conciliación condicionan un horario europeo no meu espazo de lecer. A última cea con amigos foi en Semana Santa na Illa de Arousa, na casa duns veciños de alí que son como da familia.

 7. Cando chega á casa o primeiro que fai é...

Repartir bicos e poñer roupa cómoda.

 

8. Pola súa actividade política a que non estaría disposto a renunciar?

Nunca traizoaría os principios que me levaron a exercela institucionalmente. Non son quen de funcionar se non creo no que fago.

 9. Ten seguro privado de saúde? E cantas tarxetas bancarias?

Non, son médico de familia de profesión e acredito na sanidade pública. Teño unha tarxeta dunha conta miña, e outra dunha conta familiar.

10. Ten coche? Cal e desde hai canto? E que móbil? 

Un Ford S-Max cedido por meu pai, que ten máis de dez anos e máis de 200.000 quilómetros. O móbil, un Sony Xperia do 2015.

 11.Ten vivenda en propiedade ou en alugueiro?

Vivenda en alugueiro.

  

12.Que será o primeiro que fará o luns 27 de maio?

Madrugar para ir cumprir as responsabilidades como alcalde, xa que pase o que pase na véspera estarei en funcións ata o 15 de xuño. Iso, e intentar recuperar o tempo perdido na campaña coa miña filla e co meu fillo.

 

 

O QUE DI A SÚA LETRA
Por Luis Alamancos.

ESPÍRITO DIDÁCTICO. As maiúsculas sinalan o seu espírito didáctico. Os grafemas cara atrás son os de alguén introvertido. Os óvalos pinchados indican certo sentimento de culpa; os esquecementos na puntuación, un carácter un tanto despistado. A rúbrica cortando en vertical advirte sobre elementos da súa proxección pública cos que non está a gusto. Áchase nun estado de preocupación ante o futuro e certo pesimismo, como reflicte o baleiro da marxe superior dereita e as liñas descendentes.

 


Comentar