La Voz de Galicia

Lara Méndez, candidata do PSOE: «Lugo merece un goberno de boas persoas e non líderes que actúan con malas artes»

Elecciones 28M

suso varela Lugo / La Voz
Lara Méndez, alcaldesa de Lugo desde o 2015

A cabeza de lista do PSOE e actual alcaldesa afirma que cando a axenda llo permita bañarase nas Caldas do Miño

25 May 2023. Actualizado a las 05:00 h.

A candidata do PSOE á Alcaldía de Lugo, Lara Méndez, naceu en 1972 na cidade suíza de Männedorf, onde vivía a súa familia, natural de San Cibrao. Estudou o Bacharelato en Lugo, así como no campus lucense o título de enxeñeira técnica agrícola. Foi concelleira en Cervo durante 12 anos (2003-2015), vicepresidenta da Deputación do 2007 ao 2015 e alcaldesa de Lugo desde o 2015 ata agora. Preside na actualidade o Eixo Atlántico e é vicesecretaria xeral do PSdeG. Responde a un cuestionario de dez preguntas sobre aspectos da campaña e persoais.

—Defina ruído electoral.

— Son aquelas situacións e mensaxes que xeran confusión e polémica, xeralmente baseados en falsidades. Por exemplo, intentar culpabilizar ao Concello da construción dunhas vivendas sociais nun barrio sobresaturado cando as que a executa é a Xunta, que decidiu de maneira unilateral o lugar onde as levantaría a pesar de ter outras parcelas para facelas; ou mesmo os augurios sobre os atropelos e o caos que xeraría o plan de tráfico que puxemos en marcha pola peonalización do centro histórico, e que non está sendo tal. Ou que o carril bici eliminou centos de prazas de aparcadoiro en toda a cidade.

—Sabe vostede que é un anónimo?

— E o sinónimo de todo o dano que se lle causou ao compañeiro José Ramón Besteiro e a parálise administrativa —especialmente en investimentos— que afectou a Lugo durante moitos anos grazas a agora candidata Elena Candia. Lugo merece un Goberno de boas persoas e que defenda o municipio, e non líderes que actúan con malas artes.

— Volvería a facer o mesmo trazado de carril bici?

— Sei que co trazado actual, que non define a Alcaldesa senón que foi proposto con criterios técnicos, un neno pode saír da súa casa en Marqués de Ombreiro e chegar a contorna fluvial coa súa bicicleta nun traxecto seguro. Sei que o tráfico se calmou e permite a convivencia con outro tipo de traxectos pouco contaminantes e sei que a súa implantación precisa de tempo e concienciación.

—Que medida do programa de Elena Candia lle parece atinada e lle gustaría facer se é alcaldesa?

— O seu programa divídese entre o que non se pode facer e o que pretende que paguemos os e as lucenses cando o tería que asumir a Xunta da que leva moito tempo formando parte sen que nunca lle pedira nada para Lugo.

—Ademais do Garañón, que outra cousa derrubaría de Lugo?

— Se falamos de algo físico, os tapóns urbanísticos, e sen ser físico, as deslealdade para con Lugo dos que gobernan outras Administracións e as utilizan con fins partidistas castigando a cidadanía en función de intereses políticos.

—Foi ou irá algún día a bañarse ás Caldas?

— A miña familia si, e eu agardo poder ir con eles tamén en canto as obrigas como Alcaldesa que ocupan a miña axenda mo permitan.

—Cantas veces lles tivo que «tirar das orellas» aos concelleiros do BNG?

— O tirón de orellas adóitase dar aos nenos pequenos, que non é o caso. Pero intervín en calidade de Alcaldesa en todas a ocasións que considerei necesarias para manter o interese xeral de Lugo por riba de calquera outra consideración.

—Algunha vez un «gorrilla» pediulle cartos e que fixo?

— Non, nin en Lugo nin en ningunha das cidades nas que estiven, a pesar de que é unha problemática común a todas.

— A que personalidade, de calquera parte do mundo, traería a Lugo?

— Eu levaría, con volta, aos lucenses ao resto do mundo. Son o mellor altofalante do ben que se vive aquí grazas a como facemos as cousas e tamén o mellor exemplo do talento e da riqueza que temos.

—Se volvera a nacer....

—Gozaría aínda máis de cada momento e da miña xente sabendo o rápido que pase a vida.

 


Comentar