La Voz de Galicia

Agustín González Dosil: «Se queremos fixar poboación en Carnota temos que ter infraestruturas»

Elecciones 28M

Marta Gómez Ribeira / La Voz Candidato del PP de Carnota

O alcaldable do Partido Popular confía en que o descontento que percibe na veciñanza se traduza nun cambio de goberno

24 May 2023. Actualizado a las 05:00 h.

Agustín González Dosil repite como candidato do PP á alcaldía de Carnota convencido de que o municipio precisa un cambio de rumbo e que el pode comandalo.

—Que lles están transmitindo os veciños nesta campaña?

—Estamos indo porta a porta falando cos veciños e o que noto é un enfado xeneralizado. A queixa principal é que nestes catro anos non se fixo nada.

—Cre que ese descontento do que fala se traducirá nun cambio á fronte do Concello?

—Non o sei, pero creo que si, porque moita xente nos di que quere cambio. O programa que leva o actual equipo de goberno é exactamente o de hai catro anos porque non fixeron nada.

—E cales son as propostas do PP?

—Imos facer unha casa do maior en cada parroquia e xestionar a construción dunha residencia, e no eido dos maiores tamén imos crear una oficina municipal para asesorar e axudar aos veciños, sobre todo aos de máis idade, nos trámites e xestións coa Administración. É preciso ampliar as prazas da escola infantil e, para fomentar a natalidade e fixar poboación, imos establecer unha axuda de 1.500 euros por cada neno que naza e resida en Carnota.

—A perda de poboación é un dos grandes problemas do territorio.

—Si, e se queremos fixar poboación tamén temos que ter infraestruturas. É moi importante que o saneamento chegue a todo o municipio, e outra cuestión fundamental é axilizar a instalación de fibra óptica de calidade, é imprescindible hoxe en día, tanto para fixar poboación nova como para atraer máis turismo, un sector que tamén hai que apoiar desde o Concello. E outra cuestión moi importante é axilizar os trámites para a implantación de novas empresas ou para que as que xa existen poidan ampliar as súas instalacións.

—Que espera das votacións deste domingo?

—Eu o que noto é que a xente nos apoia e que hai moito descontento, pero ata o día 28 non se sabe. Nós seguiremos traballando estes días e que a xente decida.


Comentar