La Voz de Galicia

Luís Villares: «Somos unha suma de esperanzas, unha oferta solvente, seria e decente»

Elecciones 2016

m. cheda santiago / la voz Candidato de En Marea á presidencia da Xunta

«Hai cousas que van no programa que non son do curto prazo, senón posicións políticas xenéricas»

20 Sep 2016. Actualizado a las 10:36 h.

Maxistrado en excedencia, Luís Villares (Lugo, 1978) sostén que chegou á política para cambiar as leis «inxustas».

-¿Quen lle propuxo en primeiro termo ser candidato?

-A miña conciencia.

-¿Pepito Grillo?

-A partir de que saíron unhas informacións nos medios en abril, funcionaron como profecía autocumprida e empezaron a contactar comigo...

-¿Quen empezaron?

-De forma sólida, os alcaldes.

-¿Os de Ferrol, Santiago e A Coruña ao mesmo tempo?

-Non, eu encontreime primeiro con Martiño [Noriega] e logo con Xulio [Ferreiro].

-E iso foi ás alturas de...

-Despois do 26 de xuño. Antes houbo xente que se interesara por como vía o tema, entre eles Beiras. Pero a todos lles dixen o mesmo: «Non hai partido, non hai organización, non hai nada... Non sei de que estades falando».

-Chegou a En Marea sen carné de partido. Se tivera que afiliarse hoxe a algún, só entre estas tres opcións, ¿cal collería: Esquerda Unida, Anova ou Podemos?

-Estou afiliado a En Marea, eu son fillo da confluencia.

-E fillo da non resposta.

-Non, non. Da confluencia. Nós sintetizamos o mellor dos valores de toda a xente que integra a confluencia. Non teño necesidade de afiliarme a ningún outro partido.

-¿Cómo sería a súa Galicia?

-Máis solidaria, con máis xustiza social e sen corrupción.

-Como modelo de goberno vostede pon Ferrol. ¿De verdade é un exemplo unha cidade que ás alturas de setembro aínda non ten orzamento para este ano e onde os socios de executivo, PSOE e a marea local, andan a paus?

-O que non é modelo para min é nin o Santiago do PP, que acabou con dous alcaldes condenados, nin o actual de Ourense, cunha chea de concelleiros dimitidos. Ademais diso, os gobernos do cambio demostraron que é posible facer política doutra maneira, sen corrupción, pensando nos intereses da xente...

-Evidenciando discrepancias...

-¿En Ourense quere dicir?

-Non, en Ferrol.

-En Ferrol estanse levando adiante políticas sociais e que benefician ás maiorías sociais. A nosa responsabilidade é sacar adiante esas políticas sociais chegando a acordos coa maior cantidade de forzas posibles. E aí esperamos seguir encontrando ao PSOE.

-Pois sostén o PSOE que vostedes son unha suma de decepcións...

-Somos unha suma de esperanzas, unha oferta solvente, seria e decente para este país. Iso é o que somos. E nós garantimos, a ver se o pode dicir así todo o mundo, a fin dos recortes e da política de sufrimento do PP.

-Outro posible socio: o BNG. Di Ana Pontón que estes días se rodea de estrelas invitadas como Pablo Iglesias porque os seus non confían moito en vostede...

-Non temos ningún medo a presumir de organizacións irmás que comparten con nós moitos valores en defensa da xustiza social.

-Indo ao programa, ¿que tres medidas aplicaría de inmediato?

-Un decreto de garantías sociais mínimas para garantirlle á xente en risco de exclusión vivenda, pan na mesa e enerxía; un decreto de rebaixa urxente das listas de espera no ámbito sanitario; e tamén frearemos a Lomce.

-O programa de En Marea inclúe tamén o dereito a decidir...

-Nós temos un proxecto nacional para Galicia. Queremos gobernar en clave de país, en clave de nación. Iso significa recoñecer dentro do conxunto do Estado que todos os pobos que o integran poden decidir encaixar o seu futuro. Hai problemas políticos que requiren solucións políticas, como posición xenérica. Agora, en Galicia non existe esa pulsión de superación do marco xurídico-político. Polo tanto, non está na nosa axenda en absoluto.

-É dicir, o dereito a decidir está fóra da súa axenda, pero dentro do programa. ¿Non é contraditorio?

-Non. Sabemos que hai cousas que tamén van no noso programa que non son do curto prazo, senón posicións políticas xenéricas...

-¿Por exemplo?

-Esta é unha.

-¿Algunha outra?

-Hai a posibilidade de que establezamos políticas públicas que requiran o seu desenvolvemento no longo prazo. Por exemplo, reestruturar o sistema ferroviario. En catro anos non imos poder desenvolver todo iso, pero temos que planificar o gasto para facelo cando vaimos tendo recursos.

-¿Liderará o grupo parlamentario de En Marea con independencia do resultado do 25S ou só se é presidente ou segunda forza?

-Estou comprometido cuns valores que representan a En Marea e os defenderei dende o posto que decida a cidadanía.

-Ten dito que non pretende vivir da política sempre. ¿Ata cando?

-Oito anos de presidente e, despois, para a xudicatura outra vez.

-Tras levar semanas dicindo que os do PP son todos uns corruptos, cando volva poñer a toga e teña que xulgar a calquera cargo dese partido, a sentenza resultaralle ben sinxela de ditar, ¿non?

-A lei establece garantías para que eu non poda facelo.

«Temos dereito a ser felices nun país máis xusto», deixou escrito para os lectores de La Voz. Sandra Alonso

-En Marea acaba de facer a Marta Rivera de la Cruz, de Ciudadanos, presidenta da comisión de Cultura do Congreso. ¿O comparte?

-Igual que o Parlamento galego no 2005, por unanimidade de PP, PSOE e BNG, decidiu que Fraga fora senador.

-A días de que remate a campaña, ¿isto é xa un Villares contra Feijoo ou hai partido?

-O combate é a honestidade e a incorruptibilidade do candidato de En Marea contra o cómplice e o amigo dos narcotraficantes, do candidato que está na cúpula dun partido imputado todo el e con casos innumerables de corrupción particulares. A xente ten que escoller entre corrupción e honestidade.

-¿Entre vostede e Feijoo?

-Efectivamente.

-¿Que tal a relación con Iglesias?

-Moi boa.

-¿E con Beiras?

-Moi boa. É un grande referente ético, político e vital para nós.

-¿A nazón de Beiras ou a patria de Pablo Iglesias?

-O proxecto nacional para Galicia de Villares.

«¿Unha asignatura pendente na miña vida? Perfeccionar o meu acordeón»

-¿Canto diñeiro ingresou o ano pasado?

-3.700 euros netos ao mes.

-¿Que patrimonio ten?

-Unha hipoteca da que teño por pagar 114.000 euros, unha bicicleta e un coche en propiedade.

-¿Ten fumado porros algunha vez?

-Non fumei na miña vida.

-¿Colabora con algunha ONG?

-Si.

-¿Con cal?

-Médicos sen Fronteiras

-¿Cantos libros ten lido este ano?

-Oito ou nove, aparte dos estritamente académicos.

-¿Cantas veces ten doado sangue este ano?

-Este ano, ningunha.

-¿Estivo no paro algunha vez?

-Non como tal.

-¿Cantos traballos tivo na súa vida?

-Dous antes de ser isto.

-¿Cantas horas durme cada día?

-En campaña, cinco ou seis cando podo; normalmente, procuro durmir entre sete e oito.

-¿Bebe alcol?

-Algunha vez tomo viño, cos amigos na fin de semana un bo Ribeira Sacra.

-¿Como se chama ou chamaba a discoteca da súa vida?

-Studio 3, [en Lugo].

-¿En que animal se reencarnaría?

-En león.

-¿Que asignatura persoal pendente ten na vida?

-[Rindo] Perfeccionar o meu acordeón.

En 3 palabras

-Alberto Núñez Feijoo: Corrpución e sufrimento.

-Xoaquín F. Leiceaga: Academia

-Ana Pontón: Compañeira.

-Cristina Losada: Ben, grazas. 

A miña porra: 

-PP: Menos de 37.

-PSOE: Non sei. 

-En Marea: 25-30.

-BNG: Pregúntelle a eles. 

-Ciudadanos: ¿Quén é C's?.

-Outros: 0.


Comentar