La Voz de Galicia

Fernández Lores: «Os amigos dos meus fillos gustan das tortillas que fago»

Elecciones 2016

Serxio Barral Pontevedra candidato do bng en pontevedraGRAFÓLOGO E RESPONSABLE DE INPEVAL

«Na política, sempre vivo o presente»

22 May 2019. Actualizado a las 05:00 h.

Miguel Anxo Fernández Lores (Vilalonga, Sanxenxo, 1954) leva no Concello de Pontevedra nada menos que 32 anos. Doce como concelleiro da oposición, e os últimos vinte como alcalde. Neste tempo pasou de ser o único concelleiro do BNG na corporación a rozar a maioría absoluta nas últimas eleccións, e aspirar a lograla o vindeiro domingo. Polo menos así o apuntan as enquisas. É a cara visible da transformación nestas dúas décadas da cidade, que pasou de ser unha pequena capital de provincia a un referente mundial, cuxo modelo peonil ten sido recoñecido pola ONU en Dubai, e tamén en Nova York, en Hong Kong, en París, en Múnic, en México... Con todo, Lores afirma que «o mellor está por vir», que é o lema da súa campaña e tamén a frase que escribe para La Voz. E para os que din que está esgotado, canso e falto de ideas, responde que se atopa no mellor momento da súa vida política e persoal. Neste último mandato engadiu un novo logro ao seu currículo: converteuse en avó.

 

 

1. Cantas horas dorme ao día? Que soñou hoxe?

Durmo pouco, sobre 5 ou 6 horas, e cando a axenda mo permite compenso cunha sesta. E hoxe non soñei nada…

 

2. Que serie está a ver ou cal foi a última que viu? Ten plataformas de pago? 

Estou vendo Xogo de tronos. Xa rematei a quinta tempada, fáltanme a sexta e a sétima, polo que aínda non quero saber nada da oitava! Teño unha canle de pago para ver a oferta de deportes.

 

 

3. Se lle desen a elixir, con quen tomaría agora mesmo un café ou unha caña? E xa postos: café, caña, refresco...? 

Pois con Javi Gómez Noya, Saleta Castro e Pablo Dapena. Tamén con Ojea e con Cristian, polos seus éxitos no Multisport de Pontevedra, para comentar a xogada… Eu son de café, de caña ou dalgún viño, dependendo da hora.

 

 

4. Bote a vista atrás. A que lugar ou momento volvería? 

No político sempre vivo o presente, e no persoal estou no meu mellor momento, polo tanto ningún tempo pasado foi mellor.

 

5. Cando foi a última vez que invitou a alguén a tomar algo?

Pois onte mesmo viñeron cear á casa uns amigos dun dos meus fillos, que gustan moito das tortillas que fago.

 

6. E cando foi por última vez a cear con amigos? 

O sábado pasado. 

 

7. Cando chega a casa o primeiro que fai é... 

Agora mesmo, o primeiro que fago é visitar a camada de Lula, a cadela do meu fillo.

 

8.  Pola súa actividade política, a que non estaría disposto a renunciar? 

O que nunca fixen e nunca faría por política sería mentir e deixar de ser eu mesmo.

 

9. Ten seguro privado de saúde? E cantas tarxetas bancarias?  

Non, nin falta que me fai, porque a mellor sanidade é a pública. Teño dúas tarxetas bancarias, unha de débito e outra de crédito.

 

10. Ten coche? Cal e desde hai canto? E que móbil? 

Teño un Alfa Giulietta dende hai tres anos. O meu teléfono é un iPhone.

 

11. Ten vivenda en propiedade ou en alugueiro?

 Teño vivenda en propiedade compartida coa miña muller... e tamén co banco.

 

12. Que será o primeiro que fará o luns 27 de maio?

 O que facemos habitualmente nestes casos: reunir os concelleiros e analizar os resultados electorais.

 

O QUE DI A SÚA LETRA (POR LUIS ALAMANCOS, GRAFÓLOGO E RESPONSABLE DE INPEVAL)

ANALÍTICO E IRÓNICO. Destaca a súa capacidade de análise, con xambas longas. As letras T en maza e os finais longos e aceirados advirten sobre certa rudeza, suavizada cun toque de ironía. Os catro montes do eme reflicten o seu apego familiar. A sinatura, entrelazada co texto, é propia dos que se implican fondamente no que realizan.

 


Comentar