Laura Seara: «As mulleres durmimos unha hora menos ao día que os homes»
España
A candidata, número 1 do psdeG-psoe ourensán ao congreso, que de nena xogaba a dar mitins, non ten carné de conducir
06 Nov 2011. Actualizado a las 06:00 h.
Nun recanto do restaurante que o seu tío ten na localidade de Allariz, parapetados por unha ración de empanada de zamburiñas, conta que Felipe González foi para ela unha referencia, incluso antes da adolescencia. «Mentres algúns na Universidade tiveron un sentimento contra o PSOE, contra Felipe, a outros ese sentimento fíxonos medrar». Laura Seara Sobrado (Allariz, 1975), número 1 dos socialistas galegos ao Congreso por Ourense, fala dunha «España negra» erradicada, precisamente, grazas á figura de González.
-¿Faralle xustiza o tempo a Zapatero?
-Seguro, non teño dúbida ningunha. Non é certo que sexa o peor presidente da historia e a xente sábeo. Tocoulle vivir unha crise durísima, terrible, que aquí atacou directamente ao emprego. Unha das miñas grandes teimas é a gran preocupación que teñen mozos e mozas e as dificultades para entrar no mercado laboral. O tempo porá a Zapatero no seu sitio como presidente da paz e das liberdades.
-¿Cambioulle moito a vida en Madrid como secretaria de Estado?
-A miña vida está chea de parénteses, e as parénteses son boas. Tiven unha infancia en Allariz; unha adolescencia na Limia, en Xinzo, que é de onde me sinto realmente; estudei en Madrid; volvín a Galicia cando me chamou Emilio Pérez Touriño para ser deputada, con 26 anos; e regresei a Madrid cando Bibiana Aído decidiu contar comigo para este proxecto tan apaixonante que é a loita pola igualdade. Agora son secretaria de Estado, pero o meu primeiro posto en Madrid foi no Instituto da Muller, un sitio soñado, un referente desde que era unha nena, creado pola gran Carlota Bustelo no ano 83.
-¿Preocupada polo que vén pola dereita?
-Preocúpanme algunhas declaracións que estou escoitando nos últimos meses, como as que Rajoy fai respecto ao aborto, á lei de Educación para a Cidadanía, ás políticas de igualdade... Creo que este señor quere volver a colocarnos o Catecismo del Padre Ripalda, e esperemos que non sexa así. Gustaríame ter unha dereita moderna en España, que entendera que, máis alá do que é a política, hai cuestións que non se poden poñer en discusión, como as políticas de igualdade.
-Dígame un comportamento machista que a cabree moito, moitísimo...
-[Pensa] No ámbito político, a tutela, a condescendencia, que se esta muller é deste, é do outro... como se tiveramos que ter pais en política. Sempre me gustou ser unha muller libre.
-¿De nena xa loitaba contra a desigualdade?
-Sempre fun moi inqueda. Son filla única e xogaba moito a ser xornalista, falaba moito soa, xogaba a dar o parte e xogaba a dar mitins.
-¿Non pensa sacar o carné de conducir, coa liberdade que dá?
-Son un paquete total, hai que levarme aos sitios, sempre estou mareando a todo o mundo. Pero hai máis xente que non o ten; pregúntalle a Ceferino Díaz.
-¿Está mentalizada para volver a Madrid noutro plan? Non pinta ben a cousa...
-Estou preparada para volver ao Goberno se toca; e para facer oposición porque xa a fixen. Pode darse calquera posibilidade.
-¿Que lle gusta moito facer e que bota de menos?
-Nesta etapa botei de menos durmir. ¿Sabes que as mulleres durmimos unha hora menos que os homes cada día durante toda a nosa vida? E o que me gusta é estar cos meus amigos, son unha apaixonada do cine e do teatro e procuro estar ao día de todo. Tamén andar en bici cando estou en Xinzo e ir de paquete na moto do meu compañeiro, sempre de paquete.
laura seara número 1 do psdeG-psoe ourensán ao congreso
ACTIVIDADE. Licenciada en Dereito e Máster en Calidade dos Servizos, aínda é secretaria de Estado de Igualdad.
PATRIMONIO. Laura declara a metade dun piso de noventa metros cadrados en copropiedade en Ourense, con hipoteca, e dúas contas bancarias. Non ten coche porque tampouco ten carné.
-Tremenda voda a súa, toda chea de xente coñecida, un acontecemento social...
-¡Que va! Foi unha voda de amigos; case foi a última festa á que fun, mira o que che digo.
de contexto