La Voz de Galicia

Ana Pontón: «PSOE e Podemos pactaron os peores orzamentos para Galicia en 17 anos»

España

mario beramendi santiago / la voz
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG

A líder do BNG lembra que o 10N Galicia xoga ter unha voz propia, e insiste en que iso só o garante o BNG

30 Oct 2019. Actualizado a las 05:00 h.

Catro eleccións estatais en catro anos, e unhas galegas e municipais. Ana Pontón (Sarria, 1977) enfronta esta nova cita cunha mensaxe de ilusión.

-Non cre que a xente está farta xa de tantas convocatorias?

-Esta cita foi un erro como consecuencia da inutilidade das forzas políticas estatais. PSOE e Podemos xogaron coa ilusión de moita xente, e é normal que haxa desencanto. Pero, dito isto, estamos nunha campaña de certa intensidade na que se buscan dous obxectivos: reforzar o bipartidismo e que non se fale de Galicia. O que nos xogamos é ter unha voz propia, e iso só o garante o Bloque.

-Tan convencidos están de que desta vai?

-O pasado 28 de abril xa quedamos ás portas de ter representación. E nestes días estamos vendo como somos unha forza política á alza, e que suma tanto a nivel individual como colectivo, co recente apoio de Compromiso por Galicia. Percibo que hai moitas persoas que nas pasadas eleccións non votaron ao Bloque e quedaron decepcionadas porque Galicia non está. E, mentres, están a ver como outros territorios si están a condicionar a política do Estado.

-Na Coruña, onde poden lograr un deputado, preséntase Carolina Bescansa por Más País e Antón Gómez-Reino por Galicia en Común. En que medida tanta fragmentación podería truncar o obxectivo de ter representación?

-Competimos nun espazo electoral diferente, e houbo moitas persoas que viron que esas forzas non acababan de representar e defender os intereses deste país. Eu quero lembrar que Podemos, na primeira oportunidade que tivo, o que fixo foi pactar co PSOE os peores orzamentos para Galicia en dezasete anos. Logo viñeron aquí a xustificar que o facían porque eran uns orzamentos moi sociais, o que é un pouco unha tomadura de pelo. Tamén eran sociais para Estremadura ou Andalucía, pero aí subían as inversións.

-Aspiran a seguir recuperando voto das mareas?

-Deles e tamén doutras forzas. Nunca se deu o caso de que un deputado do PSOE ou do PP dixera no Congreso que non ía votar determinado asunto porque fose en contra dos nosos intereses. Non coñezo un só caso. Isto acontece porque Galicia non conta para eles e, chegado o momento, fan o que marcan as súas direccións en Madrid. Nós temos as mans libres, e a xente estase a dar conta diso.

-Que exemplos concretos hai de discriminación a Galicia nos que non houbera unha defensa deses partidos?

-Temos unha crise das empresas electrointensivas, con Alcoa. A estafa legalizada da AP-9, responsabilidade do PP e do PSOE. Non houbo ningún deputado que condicionara o seu apoio a Sánchez a que se resolveran estas cuestións. Non todos os problemas se solucionan chiscando os dedos, pero hai que ter unha axenda para situar a Galicia e non desaparecer.

-Se o PP e o PSOE discriminan tanto a Galicia, como é posible que sexan as dúas forzas máis votadas?

-Eu estou convencida de que se tivésemos un debate aquí, falando dos nosos problemas, poñendo o foco en Galicia, as cousas serían ben diferentes. Por iso Feijoo foxe da confrontación de ideas aquí, dun debate no que fale do que xoga Galicia no Estado nestas eleccións. Non vin ao presidente da Xunta nas mobilizacións de Alcoa, apoiando aos seus traballadores, nin tampouco defendendo a sanidade pública. Pero si apareceu abrazado a Paco Vázquez na praza de María Pita na Coruña, nunha concentración que foi un auténtico fracaso. En fin, todo un delirio constitucional.

-Vostedes tiñan a vista posta nas autonómicas. Como afectan aos plans do Bloque estas novas eleccións?

-Non nos veñen nin ben nin mal. Esta convocatoria é unha irresponsabilidade por parte do PSOE e de Podemos, pero o certo é que temos unha oportunidade: a oportunidade de facernos valer como país, de resultar necesarios nun escenario sen maiorías absolutas e, en consecuencia, de condicionar a axenda ao noso favor. Ningún territorio o precisa tanto como Galicia, porque temos unha crise que atallar. E, se non, quedaremos atrás: aínda estamos a falar da chegada do AVE a Galicia, despois de tantas e tantas promesas.

«As forzas estatais non poden seguir negando o diálogo con Cataluña» 

A crise aberta en Cataluña trala sentenza do Supremo está a condicionar a campaña electoral.

-O BNG mantén o seu apoio público ao independentismo. Pode pasarlle iso factura nos obxectivos electorais nunha comunidade como a galega, cunha baixa conciencia nacional?

-Sempre fomos moi claros con este asunto. É un problema político, e agora é o momento da política, do diálogo. Non é momento da represión.

-A que represión se refire?

-Á que se exerce sobre unha cidadanía que expresa a súa opinión nas rúas sobre unha sentenza. O PP tamén ten cuestionado fallos xudiciais, e temos aí o caso da Gürtel. Podemos ir ás hemerotecas. Só faltaría que, nunha sociedade democrática, os cidadáns non puidesen saír á rúa a expresar a súa opinión. E iso estase cuestionando. Mesmo en Madrid se propuxo prohibir concentracións de apoio. As forzas estatais non poden seguir negándose a ir a unha solución dialogada. E iso é un suicidio.

-Miles de persoas saíron pacificamente á rúa, sen ningún problema, pero outros protagonizaron incidentes moi violentos. Condena vostede esa violencia?

-Os propios partidos nacionalistas desmarcáronse dese tipo de actuacións. Xa o dixeron. Esta é unha loita democrática, pacífica, protagonizada por unha cidadanía que está a reclamar dereitos. Estase a magnificar esa violencia cuns obxectivos.

-Pero vostede condénaa?

-Por suposto. Somos unha forza pacifista que só utilizamos unha vía, que é a defensa das nosas ideas democraticamente, con diálogo. Iso está fóra de toda dúbida. Non creo que a nosa solidariedade con Cataluña nos afecte en Galicia; ao contrario, estamos asistindo a un aumento da nosa conciencia como país.

-Que expectativas teñen para as autonómicas?

-Se Feijoo convocase agora as autonómicas, perdería a maioría absoluta. Todas as campañas inflúen, aínda que sexan distintas. A tendencia á alza do Bloque vaise ver con moitísima forza nas próximas eleccións galegas. Coido que esta cita electoral non vai salvar a repetición dunha nova maioría para Feijoo, un presidente esgotado e que non ten ningún proxecto.

«Moitos dos nosos problemas teñen a súa orixe en decisións do PP» 

«O nivel de demagoxia e de frivolidade de Feijoo nesta campaña está superando todas as marcas que tiñamos visto», sostén Ana Pontón sobre os ataques do PP galego ao Goberno central de Sánchez. A portavoz nacional do BNG lembra que «os populares gobernaron oito anos no Estado» e que «moitos dos problemas que padece Galicia teñen a súa orixe en decisións tomadas polo PP». Ana Pontón asegura que a crise das electrointensivas ten o seu xermolo nunha lexislación do sector eléctrico que fai o PP e que mantén o PSOE, «que puido cambiala e non o fixo». «Supoño que o feito de que haxa unha cantidade importante de exministros e dous expresidentes en consellos de administración das eléctricas ten moito que ver con que sigamos cunha lexislación que é unha auténtica estafa», ironiza a portavoz nacional do BNG.


Comentar