Ofrenda floral e música do Toxos para festexar o Día de Galicia
Ferrol

A formación musicou o acto ó que foron todos os partidos
23 Jul 2021. Actualizado a las 21:35 h.
Onte, venres día 23, tivo lugar ao mediodía a celebración por adiantado do Día de Galicia na Praza do Himno Galego. Á cita acudiron todos os grupos municipais, quen fixeron unha ofrenda floral para conformar a bandeira de Galicia ao pé do monumento a Xosé Fontenla Leal.
Nun acto marcado polas restricións sanitarias e as inclemencias do tempo, comezou cun minuto de silencio por un novo asasinato machista. A continuación, o Toxos e Flores foi o encargado de musicar o acontecemento e o alcalde, Ángel Mato, procedeu a realizar un discurso no que quixo aproveitar para «lembrar a figura dun ferrolán tan ilustre como Fontenla Leal, que en tempos moi difíciles contribuíu a construír a historia de Galicia procurando o desenvolvemento social, cultural e económico da nosa terra». Fixeron tamén ofrendas o investigador especializado en Xosé Fontenla Leal, Jaime López Fernández, e o Real Coro Toxos e Flores, quen finalizaron o acto cunha versión instrumental do himno galego. O alcalde incidiu na necesidade de colaborar polo ben común nestes tempos de crise da covid, poñendo como exemplo o compromiso de Pascual Veiga, Eduardo Pondal e Fontenla Leal.