«O cine ten que ter un valor engadido»
Ferrol
Leva o «podcast» do Dúplex, onde conversa con directores
12 Oct 2022. Actualizado a las 00:07 h.
De formación xornalista, Víctor Paz é coruñés de nacemento e ferrolán de adopción. A súa carreira non foi nunca predicible: foi programador no CGAI, acuñou o termo «Novo cinema galego» na publicación Cuadernos de cinema23, onde explicaba o xurdimento dunha nova corrente de cineastas encabezada por Óliver Laxe e hai apenas uns meses montou unha distribuidora de filmes restaurados, algo pouco usual en España e aínda menos aquí, que se exhiben na Filmoteca de Catalunya, na Cineteca de Madrid e na sala Númax. Aínda que o seu traballo se desenvolve en Galicia, tamén participa en eventos do estranxeiro. Foi xurado no Festival du Nouveau cinéma de Montréal ou no IndieLisboa. Leva traballando no Dúplex dende a reapertura, onde exerceu como coordinador e e agora locuta o podcast da sala, no que entrevista a cineastas. Sinala a importancia da comunicación como ferramenta para achegar o cine á cidade.
—Non parece un camiño doado especializarse en cine. Debería existir unha carreira en Galicia?
—Na Coruña hai un instituto, o máis lonxevo de Galicia. De alí saíu a primeira xeración con formación en cine de forma regrada. Non existe a carreira e é unha cousa que levamos demandando tempo, e debería demandarse máis porque nin sequera hai un grao público de cine en toda España. Aquí podería existir perfectamente, e de feito ten habido intentos.
—Cal é a relación do Dúplex con Ferrol?
—Aínda non sei se me sinto cómodo co termo, pero este é un cinema boutique. O modelo de cine vai funcionar cada vez máis con eventos, á xente haille que dar valor engadido para que teña que vir, como presentacións, cine de proximidade... A tendencia son os cines vellos que reabren.
—Entón o Dúplex é o modelo do futuro?
—Creo que si. Funcionou ata os 90 e logo deixou de funcionar, pero está volvendo porque, aínda que exista ese cine de tropecentas salas e 3D, creo que ao final o espectador medio non vai todas as semanas. É un modelo que ten que existir, pero está caduco, dende o meu punto de vista.
—Un ferrolán pode ir ao Dúplex todas as semanas.
—Si, aquí podes vir todas as semanas, e eu non estou dicindo que nós saibamos mellor ca ninguén como facer as cousas, pero temos prezos populares e estamos a un paso do centro. Podes vir aquí andando e aos outros cines non. O drama deste barrio é que apenas existen por aquí perto opcións de restauración e un lugar de lecer e de socialización como extensión do cine. É algo que falta na cidade por condicionamentos socioeconómicos.
—Como debe funcionar a comunicación para que a xente sinta que este é o seu cine?
—Hai que facer cidade. Nós comezamos a traballar hai meses con colectivos como Avante LGTB, Fuco Buxán e unha agrupación católica. Todos programan no cine, para que vexas ata que punto está aberto á comunidade. É unha das cuestións ás que me refiro cando falo de cine de proximidade.
—Hai quen aínda recela de entrar nun cine con propostas diferentes por medo a non entender?
—Creo que hai que ser moi didáctico. Como xornalista, sempre me pareceu fundamental ese didactismo. Non podemos saber de todo, e se eu non sei de ópera, teranme que explicar por que Turandot é importante. É unha das tarefas que recae en min no cinema: a comunicación. Hai que comunicar ben por que Agnès Varda é importante, pero non vela como unha cineasta alonxada dos xéneros populares. De feito, nos seus documentais saía á rúa entrevistar a transeúntes, entre eles obreiros, algo que unha cidade como Ferrol pode comprender.