La Voz de Galicia

María Jesús Movilla, vicerreitora do Campus Universitario: «O Campus de Ferrol quere vivir en permanente diálogo coa cidade»

Ferrol

ramón loureiro ferrol / la voz vicerreitora do Campus Universitario de Ferrol
María Jesús Movilla

Defende o valor do coñecemento como porta aberta ao futuro para toda a sociedade

22 Jan 2023. Actualizado a las 05:00 h.

A vicerreitora do Campus Universitario de Ferrol, María Jesús Movilla (Paderne de Allariz, 50 anos), centrou a súa carreira docente no ámbito da Enfermería —profesión que, por certo, tamén chegou a exercer no sistema sanitario— e no das Ciencias de Saúde. Pero, ademais de diplomada universitaria en Enfermería e doutora en Ciencias Sociosanitarias, é licenciada en Antropoloxía Social e Cultural. Circunstancia, esta, que resulta especialmente significativa para entender o seu perfil intelectual, no que a paixón pola ciencia e pola investigación vai da man dun carácter fondamente humanista, no que cristaliza a súa entrega á defensa do ben común. O seu compromiso coa sociedade aséntase, dun xeito absolutamente decidido, no entusiasmo polo coñecemento como ventá aberta a un futuro mellor para o conxunto da cidadania. «O Campus de Ferrol —afirma— quere vivir en permanente diálogo coa cidade».

—A chegada da universidade cambiou Ferrol dun xeito determinante.

—Cambiouno, si, e ademais en moitos sentidos. Abonda con ter en conta o que supón, simplemente no día a día, a presenza en Ferrol de máis de 2.300 alumnos, de todos os docentes e do persoal administrativo. Que se ben é certo que non toda esa xente reside en Ferrol, igual de certo é que veñen a Ferrol cada día. Pero hai cousas que son, aínda, moito máis importantes que o aspecto económico.

—Por exemplo?

—Pois o espírito de cidade universitaria que trouxo o Campus, e que xa é parte de Ferrol.

«Queremos que o enfoque humanístico estea presente en todas as titulacións»

 

 

«Nós queremos —di María Jesús Movilla— que o enfoque humanístico estea presente en todas as titulacións. Para nós iso é importantísimo. E estamos facendo un gran esforzo para seguir avanzando nesa dirección. Queremos que o Campus de Ferrol sexa un campus universitario centrado nas persoas».

—Tamén alí onde a prioridade é afondar no coñecemento dunhas tecnoloxías que cambian constantemente?

—Por suposto que si. Porque, na nosa opinión, o enfoque humanístico é algo ao que non se pode renunciar. Os problemas das tecnoloxías máis novas e máis complexas, como poden ser por exemplo os de todo aquilo que estea vencellado á intelixencia artificial, tamén son, no fondo, problemas do ser humano. As decisións que se toman no ámbito tecnolóxico, ou no ámbito industrial, son decisións que afectan, sempre, ás persoas. E esa é unha cuestión que queremos ter moi presente en todo momento. Dun xeito moi especial, ademais, no ámbito das Ciencias da Saúde, no que é imprescindible lembrar sempre que estamos a traballar con persoas que están nunha situación de vulnerabilidade, persoas que dependen de outras...

—Que proxecto esperta agora, en vostede, unha maior ilusión?

—O do Edificio de Investigación e Innovación Industrial. Creo que é unha infraestrutura que vai facer do Campus de Ferrol algo extraordinario.

—Responde a universidade, actualmente, ao que as empresas demandan?

—Estámonos esforzando moito para que así sexa, e ademais pensamos que ese é, tamén, o camiño a seguir. A nosa relación co mundo empresarial é constante, temos múltiples liñas de colaboración abertas, e sempre estamos moi pendentes do que de verdade demanda o mercado laboral.

«Temos a sorte de estar nun lugar moi especial, nun verdadeiro xardín botánico»

 

 

Subliña María Jesús Movilla que «o sentimento de ser cidade universitaria» vese reforzado, en Ferrol, dun xeito moi especial, por algo que non debería pasar desapercibido xamais; que o Campus se atopa dentro da propia cidade.

—Algo que cada vez é menos frecuente...

—Si, xa empeza a ser case unha singularidade. Porque a maioría dos campus universitarios, na súa búsqueda de espazos propios e máis amplos, foron tendendo a afastarse dos centros urbanos. Pero o noso é completamente distinto. Temos a sorte de estar nun lugar moi especial, nun verdadeiro xardín botánico. Cando nos visitan profesores e alumnos doutros países, quedan moi sorprendidos.

—A verdade é que, sen ir máis lonxe, a arquitectura ten, aquí, un papel moi especial.

—A arquitectura do Campus é fantástica. E ademais hai algo nela que me parece moi importante salientar: a maneira na que aquí dialogan as construcións máis recentes coas edificacións máis antigas. Teño amigos que, cando ven este lugar por vez primeira, confesan que cando me sentían falar do noso Campus con tanto entusiasmo crían que eu esaxeraba, pero que á vista está que era moi certo, e moi xusto, o que dicía da beleza deste lugar. Un lugar no que as árbores, insisto, tamén son importantísimas.

—E iso valórase en Ferrol suficientemente... ou non?

—Eu penso que si. Como o valoran, tamén, os que elixen vir estudar a Ferrol. Este campus é único. Como tamén o son a cidade e as paisaxes que a rodean.


Comentar