Os Maios enchen Canido de flores, concertos e actos infantís desde este martes
Ferrol
A gran festa final será o domingo coa comida popular nas rúas
02 May 2023. Actualizado a las 05:00 h.
Case unha semana de festa agarda polo barrio de Canido a partir deste martes, cun auténtico maratón de música e primavera grazas aos Maios. Xa hoxe ás 20.00 horas no centro cívico, inaugurarase a segunda exposición de fotografía e pintura co nome Pintando Ferrol. Participan un total de 16 artistas, e o recadado polas vendas das obras destinarase íntegramente á Cociña Económica. Os Maios están organizados pola Asociación Veciñal de Canido.
O mércores iniciaranse os obradoiros de Maios, o corazón desta celebración das flores e as colleitas. Tamén haberá ás 18.00 horas unha Merendola Interxeracional, e unha hora despois cantos de taberna da Escola da Vaca (todo no local SRD Canido). O xoves continuarán os obradoiros para encher as rúas do barrio ferrolán cos Maios, ás 17.00 horas no centro cívico. E xa o venres impulsarase a gran fin de semana desta celebración. Ao mediodía haberá xogos tradicionais para escolares, pola tarde maxia. E desde as 20.00 horas celebraranse os concertos de Miguel Biezma, Los Fallaos, El Cruce e Los Alcántara en diversos espazos.
Durante todo o sábado actuarán Los Zares, Paso de Llave ou Baluarte. E o domingo será o día grande cunha comida veciñal por todas as rúas.