La Voz de Galicia

Medo e diversión co Samaín en Cedeira, San Sadurniño, Valdoviño e Neda

Ferrol

Patricia Hermida Neda / La Voz
Festa do Samaín en Cedeira

Toda a programación da fin de semana, dende as cabazas cedeiresas ata a Senda das Ánimas de Neda

23 Oct 2023. Actualizado a las 22:32 h.

Tempo de mazás, tempo de Samaín, tempo de terror. Nenos e maiores preparan os máis horrorosos disfraces para esta festa, especialmente na comarca. Cedeira, que recuperou esa tradición hai uns 34 anos, ofrece varias actividades durante esta fin de semana. O venres desenvolverase un taller de zonchos e outro de pintura ás 17.00 horas no paseo da Mariña, e ás 20.00 a compañía Barafunda representará o espectáculo Os espíritus divertidos do Samaín.

 O mesmo venres, o Centro de Ocio Xuvenil organiza de 17.30 a 19.30 horas un obradoiro de repostería desta festa de meigas e pantasmas impartido por Mercedes Fernández e María Arribí. Xa o sábado, ás 17.00 celebraranse os obradoiros de tallado de cabazas e de maqueado. Estarán expostas as caliveras e abriranse as portas da Casa do Terror cunha merendola con bola de azucre e requeixo. Ás 20.30 será o pasarrúas á luz das velas.

As cabazas do SamaínESTEVO BARROS

En Valdoviño, a contorna da vella igrexa e do cemiterio de Loira acollerá unha contada da narradora María da Pontragha o domingo ás 18.00 horas. A partida será dende o acceso ás naves de Cándido Hermida. O Concello anima á xente a acudir con candeas e cabazas, e roupa de disfraz. En caso de chuvia, pasarase á Casa da Cultura. San Sadurniño tamén ten organizado o Samaín pero para o sábado 4 de novembro a partir das 20:30 horas. Haberá «unha comitiva de ánimas e outros personaxes que irán aparecendo no camiño comprendido entre a Capela de Belén e o adro da igrexa do Rosario».

E por último, o Concello de Neda abre ata o xoves o prazo de inscrición para a Senda das Ánimas. Trátase da «proposta estrela do Samaín en Neda, o terrorífico percorrido polo casco histórico da vila o sábado dende as 18.00 horas». O itinerario percorre a rúa Real de Neda, «coa narración de historias terroríficas e cheo de sorpresas, nas últimas edicións participaron centos de persoas». Os interesados deben chamar ao 981 390233.


Comentar