A fundación do museo etnográfico das Pontes saca un novo caderno de fotos antigas
As Pontes
A presentación da obra de López Ferro, con prólogo de Ramón Loureiro, será este venres
11 Jul 2024. Actualizado a las 05:00 h.
A Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado, do concello de As Pontes, vén de editar o número seis dos Cadernos do Museo, que se presentará este venres, ás 19.00 horas, na praza da Igrexa, con entrada gratuíta. Os asistentes recibirán un exemplar da obra, de balde. Como explican desde a entidade, o museo conta cun arquivo dixital de máis de 3.500 instantáneas, «que foron doadas pola veciñanza das Pontes e que recollen boa parte do pasado recente da vila, dende finais do século XIX ata o XX».
Nesta nova publicación, titulada O paso do tempo, recóllese «unha escolma das imaxes máis significativas de cada un dos eidos sobre os que o autor, José María López Ferrol, realiza unha crónica, dando conta dos feitos máis salientables durante o século XX». Nel figuran referencias á vella escola, á emigración, ao agro, aos oficios, á industria, ao urbanismo, ás festas e romarías ou ao deporte, algunhas das temáticas que se abordan neste caderno.
Prólogo de Ramón Loureiro
Na presentación intervirán López Ferro, autor deste traballo e cronista oficial das Pontes, e o escritor e xornalista de La Voz de Galicia Ramón Loureiro, que firma o prólogo «e que ten unha fonda relación coa vila das Pontes», como destacan desde a Fundación Museo Etnográfico Monte Caxado, recoñecida como tal desde finais do 2015.