Poesía e pintura en homenaxe da cedeirense Sabela Labraña, mestra e investigadora
Cedeira

O acto celebrarase hoxe xoves, ás 20.30 horas, na libraría Chan da pólvora, en Santiago
13 Dec 2018. Actualizado a las 05:00 h.
A profesora e investigadora Sabela Labraña Barrero naceu en Avilés, onde destinaran a seu pai, e faleceu en Barcelona o 26 de decembro de 2015, aos 63 anos. Cuns meses chegou a Cedeira, vila coa que mantivo sempre un estreito vínculo afectivo. Hoxe (20.30 horas) recibirá unha homenaxe na libraría Chan da pólvora, en Santiago, dentro dunha mostra de tintas e poemas aberta ata o 23 de xaneiro. Intervirán o pintor Alfredo Salom e a poeta María do Cebreiro, Rosario Álvarez, Xosé Luís Regueira e Elisa Fernández Rei.
«Foi unha das profesoras e activistas culturais máis recoñecidas, queridas e admiradas da diáspora galega en Cataluña; desenvolveu unha tarefa incansable a prol da lingua galega, que sempre entendeu como un ben comunitario», destacan os promotores da homenaxe. Inciden en que «as súas clases de lingua na Universitat de Barcelona, e o seu traballo no proxecto GALAUDA contribuíron a establecer unha ponte entre as culturas catalá e galega».