La Voz de Galicia

Por que non doei o meu arquivo bibliográfico a Ferrol

Ferrol ciudad

Siro López
Facultade de Humanidades e Documentación

11 Jun 2024. Actualizado a las 05:00 h.

Des que a Voz informou de que doei á Facultade de Filoloxía de A Coruña a colección de publicacións humorísticas que atesourei durante cincuenta anos, varios amigos ferroláns preguntáronme estrañados por que á Coruña e non a Ferrol. Entendo a súa sorpresa e a de cantos me coñecen e saben do meu ferrolanismo militante, polo que me sinto na obriga de explicalo e empezo dicindo que esa foi a miña intención desde o ano 2004, cando escribín un texto titulado Proposta de doazón de obra artística e biblioteca á cidade de Ferrol, que comentei con políticos, profesores universitarios e xente da cultura. Velaí algo do que nun texto moito máis amplo propuña:

 

Universidade. Aula Castelao.

Propoño que a Facultade de Humanidades cree a Aula Castelao para o estudo do humor como creación cultural. O temario acordeino coa Universidade de A Coruña, en 2003, sendo rector José Luis Meilán Gil, para poñer en marcha un seminario dirixido por min, con tres licenciados en Letras como profesores auxiliares, ao que asistiría un máximo de 30 alumnos, que terían dous créditos de libre configuración. Aínda que foi presentado aos medios de comunicación, ao deixar o rectorado José Luis Meilán Gil o seminario non se organizou e foi substituído por un ciclo de conferencias que eu impartín en Coruña e Ferrol, sobre Cervantes creador do humorismo. A miña proposta para Ferrol é máis ambiciosa. Quixera que a nosa Facultade de Humanidades fose a primeira de España en estudiar o humor, co rigor do temario citado, nun proceso sen límites de tempo, e enriquecido, curso tras curso, coas aportacións de profesores e alumnado. Non quero semellar inmodesto, pero os meus coñecementos sobre esta materia, recolleitos parcialmente en distintos ensaios, como O humor de Cervantes no Quixote —o último publicado—, só pode telos quen pasou coarenta anos no exercicio do humor gráfico e literario en prensa, radio e televión, e no estudo dos distintos xéneros humorísticos. O meu desexo é transmitilos a novos investigadores que poidan multiplicalos; de aí que me ofreza para iniciar a formación do profesorado e impartir as clases que se consideren necesarias, de forma desinteresada. Tamén ofrezo a colección de publicacións orixinais españolas, portuguesas, francesas, alemanas, inglesas, etc, que fun coleccionando ao longo da miña vida, así como os tratados e ensaios de autores diversos. Entre as publicacións orixinais están as coleccións completas de La Codorniz e Buen Humor, L’Assiette au beurre, e moitos exemplares do xornal Don Quijote, creado en Buenos Aires polo debuxante español Eduardo Sojo e do que foi colaborador e e director temporal o galego José María Cao, considerado o patriarca da caricatura arxentina. Ademais teño gran parte das revistas de humor portuguesas dos séculos XIX e XX, e as máis importantes das españolas, inglesas, francesas e alemanas do XIX e XX.

 

Vídeos

A partir desta colección, os estudantes de Humanidades poden facer vídeos sobre temas variadísimos, como: Historia do humor gráfico. Historia da caricatura. O humor no franquismo. O humor na transición. Guerra e humor, etc. Tamén se poden facer vídeos monográficos sobre os grandes humoristas gráficos galegos: José María Cao, primeiro caricaturista galego. Castelao, creador do humor gráfico galego. Juan Carlos Alonso, ferrolán, valoradísimo en Hispanoamérica e o mellor caricaturista que coñezo.

Álvaro Cebreiro humorista gráfico e caricaturista. Carlos Maside humorista gráfico. Fernández Mazas, Torres, Xaquín Marín, Quesada, o Carrabouxo, etc. E, naturalmente, vídeos sobre os grandes humoristas gráficos españoles, europeos e americanos dos séculos XIX, XX e XXI.

 

Vídeos para nenos

Pódense facer guións axeitados aos escolares, que terán aplicación nas actividades a desenvolver en colaboración coa Fundación Caixa Galicia e as asociacións culturais da cidade.

 

Divulgación

O traballo de investigación na Facultade de Humanidades debería publicarse e facerse chegar ás universidades e entidades españolas interesadas no estudio do humor, incluíndo a Menéndez Pelayo e os Cursos Carlos Gurméndez.

 

Desaparición de Humanidades

A desaparición da facultade de Humanidades fixo inútil este proxecto, e eu son o primeiro en lamentalo.


Comentar