A Espiritada de Moeche
Moeche
15 Oct 2020. Actualizado a las 19:57 h.
O suceso tivo lugar no ano 1925, no concello de Moeche, na Coruña.
Manuela Rodríguez Fraga, unha labrega duns vinte e seis anos, que levaba catro doente na cama, sen tomar alimentos sólidos, comeza a falar en español con acento cubano. Todas as noites, a pouco de conciliar o sono, a voz collíalle tons roucos e principiaba a dicir cousas complexas que amosaban grandes coñecementos en filosofía e mais na liturxia eclesiástica. Ás veces, até soltaba frases enteiras en latín. Correuse a voz da proeza e os veciños acudían á súa casa a escoitala.
Arredor da súa cama, todo era un ir e vir de curiosos das aldeas próximas, así como de médicos e xornalistas.
Ao preguntarlle un deles que de onde viña tal capacidade, Manuel relatou que un día, bebendo dun regato onde había máis de trescentos espíritos agardando, entroulle no corpo o dun crego de Ortigueira morto na Habana. Todo rematou cando unha tarde, Manuela saíu ao balcón da súa casa e soltou un sermón que pasmou a concorrencia. Non houbo máis. Soubo despedirse daquela voz cun dito habanero: «Pá qué tú me llama, si tú no me conoce».
O caso de Manuela Rodríguez paréceme dunha asombrosa actualidade. O seu non era unha posesión diabólica, como parecería a primeira vista, senón un caso do que en Galicia se coñece como corpo aberto, é dicir, unha persoa que entra no corpo doutro para falar e manifestarse a través del.
Ao escoitar Irene Montero, ministra de Igualdade, falar da lei do aborto, co mesmo ton farfantón e resabido do que fai gala Pablo Iglesias cando se refire a este tema e a outros -moi delicados e con moitísimos matices, e que conste que estou a favor da lei do aborto-, que as veces parecen da súa intransferíbel xurisdición, lembreime deste curioso suceso.