La Voz de Galicia

Os mariscadores de Mugardos únense para limpar a ría

Mugardos

gala dacosta diehl ferrol / la voz

A confraría contabiliza 25 toneladas de lixo recollidas este ano

11 Sep 2022. Actualizado a las 04:52 h.

En toda vila de pescadores é lóxico ter como prioridade o equilibrio e a supervivencia do ecosistema mariño. Por iso, as Xornadas de protección da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante a recollida de residuos no ámbito da Confraría de Mugardos volveron dar froito este verán, financiadas polo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP) e pola Xunta de Galicia.

É a segunda edición desta iniciativa de limpeza das praias que levan a cabo os mariscadores da confraría de Mugardos, entre xuño e setembro. Tal e como indica o asistente técnico do pósito, Iván Rodríguez, a superficie de actuación foron as enseadas de A Barca, Santa Lucía, O Baño e as praias de Mugardos e A Bestarruza, alá onde faenan habitualmente os traballadores. Primeiro, fíxose un estudo da localización dos desfeitos por tipoloxías. Unha vez efectuada a recollida manual, foise almacenando o lixo segundo a súa clasificación.

Para quen vive do mar, neste caso da ría de Ferrol e Mugardos, coidalo é indispensable por unha cuestión ecolóxica, que por outra banda permite seguir garantindo a calidade do produto. A retirada destes residuos fai posible que aumente a superficie produtiva, favorecendo así a biodiversidade das especies da zona: «A superficie limpada poderá ser ocupada polas especies que viven nos nosos ecosistemas, incluíndo as de interese comercial do sector», explica Rodríguez. De feito, este mesmo ano o colectivo recibiu unha subvención para abrirse a novos mercados e mellorar o rendemento comercial.

 

Toneladas de lixo na ría

 

Os traballadores, que xeralmente recollen berberechos, caramuxos, longueiróns, navallas, ameixas, zamburiñas e ostras, atopáronse cunha cantidade asombrosa de lixo provocado pola acción humana. Das 18 rías da comunidade autónoma galega, a de Ferrol sufriu das maiores perdas produtivas nos últimos anos. Despois de moito tempo esperando a que chegase un correcto saneamento, o marisqueo na zona non notou melloras asociadas.

O porto exterior, a ponte das Pías e outras infraestruturas levadas a cabo nos últimos 50 anos, que melloraron en grande medida a vida e a comunicación entre as comarcas de Ferrol, á vez foron factores determinantes que fan deste ecosistema mariño un dos que máis biodiversidade perdeu en Galicia. Nas xornadas que remataron o día 2 de setembro contabilizáronse ata 25 toneladas de residuos mariños, fronte aos 6.450 quilos da anterior edición. A diferenza é substancial, malia que a campaña foi pouco máis longa ca pasada: durou só cinco días máis.

O 83 % de todo o lixo atopado —máis de 20 toneladas— consistía en restos de escombros e vidros, seguidos de pneumáticos e plásticos. O que menos abundaban eran desfeitos naturais, é dicir, aqueles que antes chegan a descompoñerse.

A importancia das confrarías de pescadores e mariscadores en Galicia

A Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou este 2022 como o Ano da Pesca Artesanal, facendo especial mención á pesca artesá, a modalidade máis común en Galicia que faena preto dos portos base. Neste senso, as confrarías teñen un papel fundamental dentro desta modalidade de pesca que aporta produto fresco e de proximidade aos fogares e aos comercios.

En Ferrolterra son varias: Barallobre, Ferrol, Ares, Cedeira... Todas elas manteñen unha boa relación e cooperan habitualmente para lograr unha mellor calidade de vida dos seus traballadores. Agora mesmo, existe un plan conxunto para a xestión da zamburiña entre as confrarías de Mugardos, Barallobre e Ferrol.

Unha asociación pioneira é Mulleres salgadas, a única organización de ámbito autonómico centrada nas mulleres do sector. Pon en valor o traballo das mulleres no mar e loita pola igualdade de xénero. Xuntas, as pescadoras, as mariscadoras e as redeiras loitan contra os furtivos, organizan formacións e conceden anualmente o Premio Muller Salgada, coincidindo con cada oito de marzo, Día Internacional da Muller.

As organizacións de traballadores do mar anoan redes mariñeiras de solidariedade entre os seus asociados. Tamén son un exemplo de responsabilidade sobre a contorna na que faenan.


Comentar