La Voz de Galicia

Marián Ferreiro, alcaldesa de Narón: «No esencial, repetiría as mesmas decisións que tomei»

Narón

Manuel Arroyo Narón / La Voz alcaldesa de Narón
Marián Ferreiro

A rexedora cumpre catro anos no cargo, ó que chegou tras relevar a Manuel Blanco

26 Sep 2021. Actualizado a las 05:00 h.

O 23 de setembro do 2017, Marián Ferreiro (Narón, 1977) chegou a alcaldía do municipio que a viu nacer. Herdaba daquela o cargo que lle cedía Xosé Manuel Blanco ó decidir retirarse da política local. Tega mudaba así de cabeza visible, aínda que Ferreiro non era unha descoñecida do partido nin da administración, porque viña de ser concelleira de Cultura e primeira tenente alcalde desde o 2015. O seu pasado está vencellado ó asociacionismo e á figura de Xoán Gato. Formaba parte das xuventudes de Tega cando lle ofreceron traballar no Concello. Sen pretendelo, ou iso asegurou en varias ocasións, converteuse na primeira alcaldesa do municipio. No 2019 revalidou o posto co respaldo do electorado nos comicios municipais.

-Catro anos. Botémola vista atrás. ¿Que ve?

-A excepcionalidade da pandemia marcou estes dous últimos anos en todos os sentidos, tamén na xestión municipal. Non obstante, no esencial puidemos seguir desenvolvendo os proxectos que tiñamos en mente e nesa liña seguimos traballando agora, no Narón do futuro.

-É case obrigado que destaque un fito do seu mandato.

-O inicio do proxecto de rehabilitación do muíño de Xuvia, actualmente en execución, e a compra do muíño das Aceas son dous dos fitos do que vai de mandato. Ben é certo que a posta en marcha do novo centro de saúde, un proxecto ao que o Concello destinou unha achega de case catro millóns de euros, e temos proxectada a construción dun aparcadoiro fronte ao edificio, é tamén un obxectivo cumprido nestes dous anos.

-Algo haberá que rectificaría se puidera.

-É posible que tivese mudado algunha pequena cousa, sempre se pode mellorar, pero no esencial volvería tomar as mesmas decisións que tomei.

-¿É unha familia que se entende entre si a que forma cos seus socios no goberno?.

-Si. Obviamente somos partidos e persoas con distintos puntos de vista ante algunhas situacións. Pero iso supérase a base de diálogo, que é fundamental para analizar as cousas dende diferentes perspectivas, algo que considero que é moi enriquecedor.

-¿E a relación que hai coa oposición?

-Gustaríame que a oposición fose máis construtiva nas súas críticas. A política, e sobre todo a municipal, consiste en traballar por un obxectivo común que é mellorar o presente e o futuro da nosa cidade e nesa liña considero que a oposición podería colaborar máis. Ás veces cometemos erros, claro, pero tamén temos moitos acertos que non son froito da casualidade, senón dun traballo e dedicación continuos e un proxecto de cidade claro.

-¿E co seu veciño?

-Co alcalde de Ferrol manteño a relación que considero que deben manter dous alcaldes de municipios veciños, que queren o mellor para as súas respectivas cidades.

-As alcaldías, polo menos así se constata na comarca, aínda parecen cousa de homes. Pero non ocorre así nas concellerías. ¿Como o valora?

-É certo que actualmente na comarca hai máis alcaldes que alcaldesas. Cada vez son máis as mulleres que forman parte da política activa e que ocupan postos de responsabilidade, na política e tamén noutras áreas da sociedade. Queda camiño por percorrer aínda, pero creo que os avances son importantes.

-Nos libros de Primaria, Narón figura como unha das cidades galegas. Pero o residente número 40.000 resístese. ¿Que ten esa cifra?

-É iso mesmo, unha cifra. Narón tivo no seu día 40.000 habitantes e hoxe en día está arredor desa cifra. Dende o equipo de goberno traballamos igual para 20.000 que para 60.000 habitantes, o dos 40.000 habitantes é algo simbólico, estou convencida de que antes ou despois os superaremos novamente.

-Tamén se aprecia que Narón mira cada vez máis cara a súa franxa costeira, ó seu mar. ¿Que planes hai?

-A franxa costeira de Narón, aínda unha grande descoñecida para moita xente, conta con algunhas das paisaxes máis espectaculares da comarca, como se pode contemplar na senda litoral que discorre pola zona do Val e que recomendo por completo. A recuperación do patrimonio e o traballo para atraer novas empresas son dous dos obxectivos do equipo de goberno.

«O que non se pode facer nunha situación como a do covid é traballar de costas aos concellos»

O convulso 2020 desatou en máis dunha ocasión as críticas da rexedora polo modo en que se tomaban decisións, sen consenso coa administración local, respecto ás restricións derivadas do coronavirus. «Agradecería ter as medidas por escrito con máis marxe para poder aplicalas máis efectivamente», aseguraba Ferreiro tralo desconcerto inicial. Eran meses nos que se falaba de peches perimetrais e da améndoa Ferrol-Narón, que se abría e pechaba, pese a permeabilidade que impera na zona. «Acatámolas medidas da Xunta, só nos queda cumprilas e facelas cumprir» cos medios locais, sostiña.

-Durante o máis duro da pandemia chegou a amosarse profundamente airada con certas medidas que afectaban ó Concello, pero tampouco evitou saudalas cando entendía que eran axeitadas. ¿Cal é a súa valoración da xestión das administracións?

-Son consciente da dificultade de facer fronte e xestionar unha situación como a pandemia da covid-19, algo sen precedentes para todas e todos nós. Aínda así, o que non se pode facer é, como se fixo, traballar de costas aos concellos, sen ter en conta as súas opinións e necesidades cando son as administracións máis próximas á cidadanía. A falta de diálogo e de colaboración para resolver algunhas das nosas dúbidas foi constante. Nós soubemos polo Diario Oficial de Galicia das medidas minutos antes de que entrasen en vigor, co que iso implica cando falas de pechar instalacións, ou de atender as necesidades das veciñas e veciños cando non podían saír das súas casas.

-¿Que pegada deixa a crise sanitaria do coronavirus no municipio?

-A crise sanitaria afectou a este concello como a calquera outro. Lamentablemente as empresas e negocios sufriron e sofren os efectos, ao igual que as veciñas e veciños en xeral. Fronte a este lado negativo tamén teño que destacar a solidariedade das naronesas e naroneses que dende o primeiro día contactaron con nós e axudaron a levar mellor esta situación, tanto persoal do Concello como persoas a título particular. Todos eramos un para sortear as complicacións que xurdían no día a día e iso é de agradecer.

-Saltemos outros catros anos, pero cara ó futuro. ¿Que concello quere ver?

-Pois unha cidade na que os proxectos que temos en execución estean plenamente operativos e con outros novos en marcha, unha cidade que continúe sendo dinámica e acolledora para xente de todas as idades.

-A derradeira. Agora que buscan unha tarta que sexa o doce oficial. ¿A que sabe Narón?

-Narón sabe a calidade de vida e a futuro. Os ingredientes non son ningún segredo: coidamos da nosa xente, apostamos por unha cidade máis humana, favorecemos a dinamización económica e turística e apostamos con todas as nosas forzas posibles por un deporte e unha cultura para todas e todos.


Comentar