O concelleiro de Seguridade Viaria de Narón, Román Romero:«Queremos que a xente deixe o seu vehículo habitual e pase á bicicleta»
Narón
Lembra que nos últimos dous anos non se puido organizar esta cita
21 Sep 2022. Actualizado a las 22:08 h.
O concelleiro de Seguridade Viaria de Narón, Román Romero, está desexoso de que chegue o 25 deste mes para celebrar o Día da Bicicleta, organizado con La Voz de Galicia e Radio Voz, coincidindo coa Semana da Mobilidade. E lembra que nos últimos dous anos non se puido organizar esta cita.
A xornada pretende crear lazos entre a veciñanza e promover o deporte, se é posible con algunha sorpresa: «Non podo adiantar moito, pero queremos que a xente teña algo cando chegue ao parque de Xuvia». Dende o Concello súmanse ás accións europeas sobre urbanismo e sostibilidade no transporte, buscando promover o emprego deste medio de transporte para evitar o tráfico excesivo de coches. E é que nas cidades de pequeno tamaño como son as de Ferrolterra é evitable en moitas ocasións empregar un vehículo a motor particular, se as infraestruturas o permiten. A bicicleta convírtese nunha opción saudable e ecolóxica, ademais de respetuosa cos viandantes.
Romero reitera que a intención do evento é esa mesma: «Dentro da nosa idea do que supón este transporte, queremos que a xente deixe a un lado o seu vehículo habitual e pase á bicicleta». Na cidade contan cun equipo comprometido coa educación viaria, que non só acode aos colexios para inculcar nos máis miúdos os bos hábitos de circulación, senón que tamén pretende estender a práctica a segmentos de máis idade. Proba disto é que diversos proxectos de roteiros e camiños que están activos en Narón incorporan tramos para andar na bicicleta.
O edil fai mención á senda de Freixeiro a Xuvia, por exemplo, que o pasado verán acabou as obras: «Esta é a cidade que queremos e a bicicleta pódese usar sen problema porque non temos grandes distancias». Polo que respecta á participación, suliña que as inscricións «van moi ben e espérase a moita xente».
Sorteo de agasallos entre os participantes da cita organizada polo Concello e La Voz de Galicia
Cando se celebrou o primeiro Día da bicicleta en Narón foron 800 as persoas que se uniron á iniciativa. No evento deste ano, dirixido a todas as idades, agárdanse moitos máis participantes. É aínda posible inscribirse de maneira presencial ou telemática.
Esta nova edición do roteiro en bicicleta comezará o domingo, día 25 de setembro, ás 11.00 horas da mañá no paseo marítimo de Xuvia. Dende alí, a caravana iniciará o seu percorrido pola rúa Marcial Calvo, seguirá pola estrada de Castela, pola Rafael Bárez, dirixirase ata a a estrada da Gándara e Ponte das Cabras para novamente incorporarse á estrada de Castela. Nese punto, volverase ao lugar de inicio, situado no paseo de Xuvia.
O equipo municipal encargado da materia de seguridade viaria lembra a todos os participantes que é preciso o emprego de casco para realizar o roteiro. O concelleiro Román Romero recomenda a aquelas persoas que vaian a pedalear con rodíns que opten por un percorrido máis curto e sinxelo, pola súa comodidade.
O evento ten todos os ingredientes para promover a actividade de Narón. Dende o Concello de explican que todas as persoas inscritas poderán participar no sorteo de varios agasallos, doazón de comercios locais, como Bike Works, Din&Don, Bicimarket, La Fuga Cycling, Burbujas, Bioreona e a Cooperativa do Val.
Para quen non dispoña dunha bicicleta, o edil anima a todo o mundo a non perder a oportunidade e recorda a posibilidade de facerse cunha para o día pedíndoa prestada, alugándoa ou por exemplo mediante Biciferrolterra. É a aplicación de bicicletas municipais que comprende os concellos de Ferrol e Narón. Só é preciso darse de alta no servizo para comezar a usar estas bicicletas. Esta iniciativa do Concello de Narón, La Voz de Galicia e Radio Voz pretende fomentar o uso da bicicleta e, ao mesmo tempo, ofertar unha xornada festiva axeitada para todos os públicos.