Neda celebra este domingo a súa andaina solidaria contra o cancro con 700 persoas
Neda
Parte ás 11.00 horas do albergue de peregrinos
17 Nov 2024. Actualizado a las 05:00 h.
Neda celebra este domingo a súa Andaina Solidaria contra o Cancro, que chega á súa sétima edición con 700 persoas inscritas. Esta marcha repite o lema Os Nosos Pasos dan Vida, promovida polo Concello e por voluntarias locais, en apoio ao labor da Asociación Española Contra o Cancro (AECC). O obxectivo pasa «por recadar fondos para impulsar os servizos de atención aos pacientes oncolóxicos e tamén á investigación contra a enfermidade».
Esta marea fucsia, cor da camiseta coa árbore da vida vendida en edicións anteriores, parte ás 11.00 horas do albergue de peregrinos no paseo de Xuvia. E alí iniciará un percorrido circular de cinco quilómetros. Dende a organización indican que «a cifra definitiva de persoas que decidiron apoiar a causa podería aínda moverse por mor de inscricións de última hora e do reconto dos dorsais solidarios». A recadación coa venda de dorsais entregarase á delegación en Ferrol da asociación, «que traballa por mellorar a calidade de vida dos pacientes e que ten o reto de acadar unha supervivencia do 70 % antes do 2030 en cánceres que non alcanzan na actualidade o 30 %».
O acto deste domingo estará conducido polo cantante aresán Geno. A retirada dos dorsais da andaina comezou o venres pola tarde na Casa das Palmeiras, e continuará o domingo antes da marcha. Colaboran negocios comerciais e hostaleiros da comarca dun xeito desinteresado, aportando agasallos para un sorteo que se celebrará ao remate da camiñada.