Mulleres rurais fronte á pandemia
Ortigueira
Os efectos directos da crise sanitaria e as carencias que evidenciou, coma o recorte de servizos públicos ou a brecha dixital, afectáronlles máis a elas
19 Jul 2021. Actualizado a las 05:00 h.
A pandemia destapou o peor e o mellor da vida rural. Deixou á vista algunhas miserias que viñan de vello, como a progresiva mingua dos servizos (falta de escolas infantís, peche de centros educativos ou oficinas bancarias, recortes na atención primaria ou escaseza de centros de maiores), a brecha dixital (un factor que xera cada vez máis desigualdade) e outras provocadas polo illamento e o despoboamento que, en boa medida, derivan das carencias mencionadas. E tamén evidenciou que a vida no rural é moito máis sostible que a das cidades. As mulleres asumiron a maior parte da carga orixinada por esta longa crise sanitaria.
«Tradicionalmente, somos as que coidamos, e ao suspenderse a axuda a domicilio, cos centros de día pechados... iso repercutiu en nós. Igual pasou cos nenos e o seguimento das clases», indica Verónica Marcos, presidenta da Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (Fademur) en Galicia. Ela vive nunha aldea de 35 casas, na montaña de As Nogais. «Con todos os trámites en liña, para pedir cita médica, para a escola dos nenos... cunha conexión a Internet de mala calidade, ou sen ela, iso está sendo un problema grande», alerta.
Tamén advirte do impacto económico nos sectores agrogandeiros, «coa caída do prezo da carne, polo peche da hostalería», e a clausura dos mercados de proximidade, onde se comercializan os produtos de horta. «E todo iso afecta máis ás mulleres, porque hai máis ca homes ao fronte deste tipo de explotacións», recalca. Defende «unha discriminación positiva» para os habitantes do rural. «Estás conservando un medio e unha contorna para toda a sociedade, a maioría son explotacións familiares», argumenta. «O rural non pode ser un parque temático, ten que ser compatible traballar, vivir e ver, habería que incentivalo», recalca. E lembra que o emprendemento en núcleos de menos de dous mil habitantes ten nome de muller, co 54 % dos casos, fronte ao 30 % que se dá no ámbito urbano.
A presidenta de Fademur tamén advirte do incremento de casos de violencia de xénero, sobre todo durante o confinamento. Na comarca de Ortegal non se detectou, «nin un aumento da demanda de atención nin tampouco a nivel policial», apunta Ana Dopico, responsable do Centro de Información á Muller (CIM) de Ortigueira. «Si se deu un efecto de agravamento -recoñece esta avogada ferrolá-, mulleres que estaban sufrindo a nivel psicolóxico os efectos da violencia de xénero, e que viron como empeoraba esa situación ata niveis extremos, polo medo de non ter a quen pedirlle axuda, non poder moverse... todo era por teléfono, todo máis difícil, e iso acabou xerando situacións de pánico».
María Ferreiro, responsable dunha granxa de vacún de carne e produtora hortícola en Curtis, está ao fronte da Secretaría das Mulleres do Sindicato Labrego Galego (SLG), que forma parte da Confederación de Mulleres do Mundo Rural (Ceres), de ámbito estatal. «Hai unha cuestión principal, ao vivir no rural non tiñamos o problema de saír fóra coma nas cidades. Pola contra, veuse que as medidas se tomaron pensando nas contornas urbanas, con restricións que nos impedían ir máis aló dos 500 metros, cando non ías poñer en perigo a ninguén», sinala.
Das xuntanzas mantidas con outras mulleres conclúe que as principais dificultades «déronse á hora de xestionar a harmonizar o traballo cos animais ou a horta, que seguiu con normalidade, e o seguimento das tarefas dos nenos, algo que asumiron, maioritariamente, elas». Coincide en que saíron á luz as deficiencias e a brecha dixital, «no tema educativo e nos trámites coa Administración», o que acabou xerando «desesperación e frustración».
Ferreiro recorda que as mulleres «tamén se fixeron cargo da atención a maiores ou dependentes, sen apoio, co peche dos centros de día e a imposibilidade de que outros familiares se desprazaran para axudarlles». Alude ao impacto económico para as labregas, co peche temporal dos mercados nos que venden a súa produción, e reivindica a vida no rural «fronte á urbana, con estruturas que non son humanas nin naturais», e a igualdade de dereitos e servizos.
Teresa Carril, gandeira: «O fillo máis vello axúdanos cos trámites telemáticos, e iso dáche tranquilidade»
Teresa Carril Otero (Malpica, 44 anos) leva vinte anos na explotación de gando vacún de leite que herdou o seu home en Ponteceso. Comparten a titularidade da granxa e o traballo. «As vacas non saben de pandemia e o rural tampouco. Onde estamos nós, nin usamos máscara, porque non tes relación con ninguén. Neste caso foi unha sorte, tivo moito máis positivo que negativo», explica. A conexión a Internet permitiulles seguir as clases en liña aos seus fillos, de 13 e 18 anos. «O maior marchaba de Erasmus o día que empezou o estado de alarma, e tivo que aprazalo ata agora, e os tres meses en Normandía quedaron en tres semanas», relata. Del botaron man para moverse por Internet. «O máis vello axúdanos cos trámites telemáticos, e iso dáche tranquilidade porque aquí non tes ninguén máis que poida axudarche», subliña.
Este sector, considerado como esencial, non parou, e o impacto económico foi escaso: «Seguíronnos comprando o leite, aínda que nalgún momento baixaron algo o prezo, pero iso é o de sempre». Polo resto, a vida de Teresa mudou pouco. «Xa lles dicía ás miñas amigas ‘nós levamos confinados vinte anos, desde que casamos, non tes un día de vacacións, saes para ir ao supermercado, á farmacia e ao banco, e volves para a casa'». Con covid-19 ou sen el. Ela está contenta, máis agora, que xa pode visitar á súa nai, en Malpica.
Sara Viña, cesteira: «No confinamento non me aburrín nada, aínda que botei de menos as excursións»
A Sara Viña Rei coñécena como Sara de Buiro, en referencia ao lugar da parroquia de Rial, no Concello de Val do Dubra, onde naceu hai 68 anos e onde leva toda a vida. De nena, aproveitaba as varas que lle sobraban ao seu pai e facía uns cestiños. «Gustábanlle a miña nai, e sempre me daba algo», conta. Agora é cesteira, di que afeccionada, aínda que o traballo parece profesional. «No confinamento paseino estupendo, non me aburrín nada, fixen 67 pezas de cestería, paseino coma se non houbera pandemia. O que botei de menos foron as viaxes, iamos moito de excursión coa asociación de mulleres rurais do Val do Dubra, co cura da parroquia... Temos ido a Murcia, toda Andalucía agás Cádiz...», relata.
Os cestos que fabrica Sara, de varas de vimbio, tamén saíron viaxeiros. Ten vendido para Valencia, Bilbao, San Sebastián ou Barcelona, participa nas feiras de abril do Val do Dubra e ata foi ao mercado das flores de Santiago, no 2019. Corta a madeira e carréxaa para a casa no remolque do tractor, clasifícaa por tamaños, déixaa secar e ponse a traballar. «Entretéñome, diso non vives, pero algo axuda», di. Tamén fai filloas na pedra, ata catro á vez, e algún ano ten elaborado tres mil, para restaurantes e particulares. No Buiro, unha aldea de trinta habitantes, non se sente soa: «Se un día me levanto máis tarde, xa veñen os veciños ver se estou ben».
Ángeles Sánchez, empresaria: «O maior problema estes meses foi a xente maior que estaba soa, porque tiña medo»
Ángeles Sánchez Arias (Sobrado dos Monxes, 57 anos), empresaria, fundou, no 2000, a Asociación de Mulleres Rurais A Maristela, co ánimo de paliar «as carencias que vía, con mulleres maiores que nunca saíran da casa; había que cubrir ese aspecto máis lúdico, de formación e información á muller». A resposta foi boísima e neste tempo non pararon de viaxar, aprender e divertirse. Coa pandemia tiveron que suspender as actividades (manualidades, ensaios do grupo de baile, gaitas e pandeireteiras, da coral polifónica e do coro infantil, etcétera), que están volvendo retomar, en grupos pequenos, polas distintas parroquias.
«O maior problema estes meses foi a xente maior que estaba soa, porque tiña medo, aínda que no rural somos uns privilexiados, todo o mundo ten horta e podía saír... A soidade é o peor, por iso é importante que haxa actividades para que a xente estea motivada e non se vaia», remarca. Algunha muller tenlle dito que desde que acude aos cursos non ten que medicarse para a depresión. «Colleron o hábito de reunirse e quedan aínda que ese día non haxa clase, para o café, e non queren parar nin sequera no verán».