La Voz de Galicia

«A aprendizaxe ten que ser lúdica e os nenos, os protagonistas»

Pontedeume

Ana F. Cuba Pontedeume ceip de ombre

A mestra da única escola unitaria de Pontedeume (CEIP de Ombre), Isabel García Millán, é unha das autoras dun libro ilustrado polos cativos

24 Jun 2018. Actualizado a las 05:00 h.

Aos nenos de Ombre gustaríalles que a escola non pechara no verán. Algo debe ter que ver a mestra titora, Isabel García Millán (Palencia, 59 anos). Estudou Filosofía e Letras, chegou a Galicia como docente en 1985 e recalou no CEIP de Ombre, o único centro unitario de Pontedeume, hai xa once anos. «Tiña puntos para poder ir a outro colexio, pero pedino, convencida, porque entendo a educación como unha comunidade e a mellor maneira de poder colaborar é estar preto de todo. O traballo en equipo é o máis importante nunha escola unitaria, a participación dos proxenitores é unha riqueza, todo o facemos xuntos», recalca. Como a festa de fin de curso, pola mañá no colexio e pola tarde no río.

Este ano tivo 12 alumnos, desde tres ata oito anos. Son os autores dos debuxos que ilustran As palabras máxicas das Fragas, un libro de contos de Isabel, da escritora Beatriz Maceda Abeleira e da poeta Eva Veiga, exalumna da escola, que acaba de publicar a editorial Espino Albar, que dirixe Carlos de Castro. A recadación polas ventas doarana ao banco de alimentos de Pontedeume, coma xa fixeran cunha obra anterior, que trataba as alerxias alimentarias (a raíz da chegada dun alumno cunha intolerancia), contadas por Zeus ou Pericles.

A escola de Ombre está concibida como un lugar de xogos, con pasadizos construídos polos nenos (sempre con materiais reutilizables), abertos á imaxinación. «Sempre cuns obxectivos educativos, por niveis, pero sen nada pechado, adaptando as competencias á madurez dos alumnos».

Na aula escapan dos libros de texto e das fichas. «A aprendizaxe ten que ser algo lúdico, que os nenos sexan os protagonistas», sostén a titora. De aquí xurdiu o proxecto Paz para o mundo, con historias e debuxos que chegaron ata Nova York. Isabel atopou en Instagram unhas fotos de Etiopía da fotógrafa e cooperante estadounidense Susan Liebold, e os alumnos inspiráronse nelas para as súas obras do Día da Paz. «Convidámola, veunos visitar e colgou os nosos debuxos no seu apartamento, preto de Central Park», conta a docente. Para os pequenos foi a mellor lección de xeografía e de humanidade.

Isabel atopou nas redes sociais unha canle para dar a coñecer o traballo dos seus estudantes. «Séguenos xente de Alemania, Turquía, París... un pintor de California subiu un dos debuxos que fixeron os nenos sobre unha obra súa e invitounos a ir». É o seu xeito de estar no mundo e de que os demais coñezan a este colectivo «de cultura, arte [hai pezas feitas polos nenos en cada recuncho] e solidariedade». Tampouco quixo que se quedaran á marxe do histórico 8 de Marzo e sumáronse cunha festa sobre «a diversidade na igualdade» e unha pelota que agora pretenden que xire polo mundo, de museo en museo. «Tento transmitir unha aprendizaxe con fantasía, sen sentimento de competencia. A proximidade ao seu medio é marabillosa e sen a colaboración das familias moitas cousas non se poderían facer», insiste. Desde o inicio do curso, os alumnos de Isabel convértense en aventureiros que viaxan pola historia aprendendo a coidar o medio ambiente, sen que ninguén free a súa imaxinación e a súa capacidade creativa.


Comentar