La Voz de Galicia

O Chanfaina Lab: do pioneiro do cine galego ao audiovisual de vangarda en San Sadurniño

San Sadurniño

A. C. SAN SADURNIÑO / LA VOZ
O profesor Manolo González falta do traballo de José Gil, no furgón da exposición, o domingo no adro do convento do Rosario

A trintena de realizadores que se sumaron á oitava edición apuraron a fin de semana para filmar por todo o municipio

05 Sep 2023. Actualizado a las 11:58 h.

«Un revolto de cousas diversas». Así é como define o profesor Manolo González o Chanfaina Lab. Na oitava edición que botou andar esta fin de semana (tocaba filmar, e a comezos de ano culminará coa proxección das distintas pezas) volveron xuntarse cineastas consolidados, como Adriana Páramo, Ignacio Vilar ou Nela Fraga, con novas promesas do audiovisual, como Miriam Opazo, Candela Conde ou Cristina Souto.

E mesmo rapaces de menos de vinte anos, os do colectivo Sansadurnenas, ou estudantes como Iago Lourido, Bieito Beceiro, Aroa Calvo, Kevin Lorenzo ou Ángela Arnosa; e outros veciños de máis de idade, como Fran Bermúdez, Abel Vega, The sun Girls e as labregas de Teño unha horta en San Sadurniño.

E mentres uns rodaban, outros gozaban da exposición sobre o documentalista pontevedrés José Gil (1870-1937), pioneiro do cine galego. Do estudo de Manolo González sobre a súa figura saíu un libro publicado por Galaxia, Premio Antón Losada Diéguez de investigación e ensaio, e unha exposición, da man do director de cine Ignacio Vilar. Tamén crearon unha web didáctica con material gráfico arredor da traxectoria de Gil.

O domingo, en San Sadurniño, púidose ver a mostra, que percorre durante este ano unha trintena de concellos da provincia de Pontevedra. Trátase dunha exposición rodante, que vai nun moderno furgón, o Cinemóbil n.º.3, «que colle o testemuño do automotor-cine e do Cinemóbil Reclame 2, vehículos reconvertidos en máquinas de proxección ambulantes, coas que Gil exhibía as películas que eran éxito no momento», como explican desde o Concello.

Alí, no adro do convento do Rosaio, González repasou a importancia histórica de Gil «como pioneiro do documentalismo e da ficción cinematográfica galega, pero tamén como home á vangarda do seu tempo».


Comentar