La Voz de Galicia

En bicicleta, outra maneira de facer turismo por San Sadurniño: «Chegas a lugares que nunca verías»

San Sadurniño

ANA F. CUBA SAN SADURNIÑO / LA VOZ
Capi, o día da carreira popular de San Sadurniño, na que tamén colaborou o seu club

José Manuel Barro, presidente do club Biela e Chaveta, convida a participar na ruta BTT do día 30, para coñecer o territorio

23 Jun 2024. Actualizado a las 13:44 h.

 

José Manuel Barro López naceu nas Somozas hai 48 anos, vive en Narón e a bicicleta vinculouno a San Sadurniño. No 2012 entrou no Club de Ciclismo MTB Biela e Chaveta, que se fundara pouco antes, «pola afección», di, porque sempre andou sobre as dúas rodas e porque un dos fundadores era compañeiro de traballo. «Convenceume [...], hoxe debemos ser 32 socios (o 95 % homes)», explica o que é presidente da entidade deportiva desde hai dous anos.

Capi, como é coñecido no mundo da bicicleta, compaxina a actividade laboral nun taller de carrozaría co deporte. Sobre as orixes de Biela e Chaveta, conta que «o formou un grupo de amigos para saír os domingos». «Despois fomos medrando e chegamos a ser 70 ou 80 socios, pero coa pandemia veu abaixo», indica. O club constituíuse, coma tantos outros, «naqueles anos que houbo un bum e todo o mundo empezou a andar en bici». Desde que está ao fronte, o seu obxectivo é «darlle un empurrón; é un deporte con moito potencial na zona, e os concellos pódenlle quitar moito rendemento, pero o habitual é que se invista no fútbol».

 

Catro eventos este ano

Máis que pensar na competición, Barro López defende o ciclismo «como unha forma moi barata e con moitas posibilidades para coñecer sitios; cunha bici de montaña podes recorrer un municipio de arriba para abaixo, lugares que doutra maneira nunca verías». Celebra o apoio do Concello de San Sadurniño, que este ano lles axuda na organización de catro eventos: unha saída cicloturista cos pequenos (celebrouse o 19 de maio, con máis de cen persoas); unha ruta BTT, o 30 de xuño; unha cronoescalada, o 23 de agosto; e unha saída nocturna, aínda sen data.

«Queremos publicitar este deporte, que esperta moitísima afección na comarca», subliña. Trátase de actividades «abertas a todo o mundo», socios ou non. Destaca a colaboración da Federación Galega de Ciclismo coa BTT: «Facilitan a inscrición a través da súa páxina web. O custe é de quince euros, e a xente que non está federada ten que pagar o seguro dun día, por dez euros». A comida (na Cortiña, ao pé do río) é gratis para os socios e os colaboradores dese día, e o resto terán que pagar dez euros. Tamén agradece o apoio dalgunhas empresas: «Sen iso e sen o Concello, aos participantes habería que cobrarlles moito máis».

Biela e Chaveta recupera así a BTT (fixéranse un par de edicións xa antes da pandemia), que percorrerá 47 quilómetros polas parroquias de Igrexafeita, Naraío, Ferreira e San Sadurniño. «Este municipio ten a vantaxe de que hai moitas pistas tipo parcelaria e pódense facer moitos quilómetros. A miña idea é que se poida ir nunha ruta máis curta, quen queira facela. A nosa intención non é facer un evento dun día, senón ter o itinerario sinalizado para que a xente o poida facer en bici de montaña, a pé ou correndo os 365 días do ano. Queremos que sexa permanente», explica.

Incide en que o problema máis grave radica «nos traballos do sector da madeira, que estragan os camiños, é unha guerra e alguén vai ter que tomar medidas». «O Concello vai acondicionar varios camiños, nós non temos capacidade para iso», apunta. Con esta ruta, Capi insiste en que queren «dar a coñecer o territorio entre os ciclistas e as súas familias, para que despois, co boca a boca, repitan ou traian máis xente».

Premiarán aos clubs máis numerosos ou aos de máis lonxe, e tamén aos participantes máis novos. «Queremos que veñan gozar da mañá e deste deporte», repite, A el, saír na bici as fins de semana recárgalle as pilas: «As probas póñente ao límite, física e mentalmente, e iso tamén se goza moito». Gústalle máis o ciclismo de estrada que o de monte, pero por riba de todo destaca «o compañeirismo deste deporte, que pon a todo o mundo no seu sitio». Rexeita que sexa máis caro ca outros e reitera unha idea: «A bicicleta non fai ao deportista».

 

 


Comentar