Polo principio de precaución
Firmas
21 Feb 2012. Actualizado a las 07:00 h.
Na derradeira década estamos a vivir un aumento exponencial dos campos electromagnéticos (CEM) artificiais cun risco potencial para a saúde (especialmente en grupos vulnerábeis como a infancia e a mocidade) recollido na ampla bibliografía científica e nas chamadas a unha regulación proteccionista das Resolucións do Consello de Europa (2011) e do Parlamento Europeo (2008-2009), e as declaracións da Axencia Europea de Medio Ambiente (2007-2010), entre outras institucións, que se suman á recente clasificación da OMS das tecnoloxías sen fíos (telefonía móbil, wifi, ...) como posíbeis canceríxenos en humanos.
O despegue caótico de antenas de telefonía móbil no concello de Pontevedra (menos de 30 en 2007 e máis de 150 en 2011) presenta unha crecente preocupación social ante os riscos potenciais para a saúde, acumulativos ao longo da vida na exposición a fontes de electropolución (antenas de telefonía, móbiles, teléfonos sen fíos ?DECT-, wifi, radares, transformadores urbanos, liñas de alta tensión).
Dende a APDR apostamos por aplicar xa o principio de precaución recente demandado polo Consello de Europa co inicio dun proceso participativo de elaboración dunha ordenanza municipal garantista das infraestruturas capaces de crear electropolución, regulando o seu caótico despregamento atendendo á protección das zonas habitadas con límites de seguridade máis estritos aos estatais (potestade municipal recoñecida polo Tribunal Supremo), garantindo o control municipal das emisións con medicións en tempo real, con información pública e participación cidadá.