La Voz de Galicia

Tempos de reconversión

Firmas

Carlos Fernández Coto Arquitecto

04 Mar 2012. Actualizado a las 07:00 h.

Rematou o bum inmobiliario e miles de persoas agardan nas colas do Inem a que volva a tormenta construtiva de hai tres anos; centos de pequenos construtores estanse a queixar de que non teñen apenas obras que levar a cabo; arquitectos que non teñen encargos de proxectos. Non vai suceder que volvamos a eses tempos, afortunadamente para o noso tecido social e humano e para o noso territorio, desafortunadamente para esas persoas que quedaron descolocadas.

Chegaron os especuladores, construíron masivamente e fóronse para outros países a seguir construíndo, xerándonos un problema: arrastraron a moitos mozos da escola á obra, sen preparación, sen formación; tamén foi un soño no que creron moitos construtores ou empresarios de sectores de apoio (carpinteiros, pintores) que investiron en maquinaria, medios, ilusión, pensando que nunca ía rematar como rematou.

Só era un soño, un mal soño, un pesadelo difícil de esquecer, e agora espertamos e atopámonos coa realidade e hai que buscar solucións para que a situación non sexa máis dramática.

É o momento de buscar alternativas á construción. Estamos en período de reconversión e hai moitos campos nos que se pode actuar, como na rehabilitación de vivendas antigas, ou en obras de mellora da eficiencia enerxética das miles de casas construídas entre os anos 60 e 80, que non teñen illamento térmico, con instalacións que deben ser melloradas, casas que non teñen calefacción.

Tamén é hora de reflexión sobre o modelo de empresa construtora, xa é necesario que traballemos en rede, en estreita colaboración, fusionar empresas ou complementarse para poder ofrecer servizos múltiples aos cidadáns. É necesario aproveitar este tempo para a formación, tanto dos traballadores como dos técnicos, é preciso mellorar a formación nos oficios e técnicas, apostar pola recuperación dos oficios tradicionais que se abandonaron co cemento: xa non necesitamos saber colocar ladrillos, senón bos carpinteiros de madeira, canteiros, persoas cualificadas en instalacións, na mellora da eficiencia enerxética e nas enerxías renovables. Non perdamos o tren agardando que volvan os tempos do bum inmobiliario, aproveitemos para aprender novas alternativas en liña coas directivas europeas de construción e de utilización dos recursos naturais.


Comentar