La Voz de Galicia

Un poeta de Noia en Irlanda

Firmas

PASTOR RODRÍGUEZ Alonso Martín Veiga

15 Dec 2012. Actualizado a las 07:00 h.

Nacido en 1970, este filólogo noiés é profesor da University College Cork en Irlanda. Alonso Martín comezou a súa andaina como poeta baixo a protección de Avilés de Taramancos en 1990 coa obra Tempo van de porcelana, aparecida na colección que homenaxeaba a María Mariño, Verba que comeza. Poesía culta, sen tempo aínda para moita experiencia, que irá aparecendo nos seguintes volumes: en 1993 gaña o premio Espiral Maior de Poesía con As últimas ruínas, publicado en 1994; en 2005 gañará o XXV Premio Esquío con Ollos de ámbar, obra organizada en tres partes, unha das cales deu título ao volume, mentres que a primeira é unha homenaxe a un dos grandes poetas universais, Ezra Pound, e a que dá remate á obra leva por título Azuis e lonxe, na que o sentido do tempo é fundamental: o futuro é unha gaivota gris.

Xa en 2006 acada o premio Fiz Vergara Vilariño con Fundaxes, ano no que tamén colabora na prestixiosa revista Grial cun grupo de poemas que titulou Anatomía do espazo. Foi un ano prolífico, pois nel colaborou tamén no volume colectivo de Barbantia, Voces na materia.

Quen foi apadriñado por Avilés, rendeulle logo unha homenaxe como filólogo ao publicar o volume Antón Avilés de Taramancos, no 2003, ao que sumou unha edición comentada tamén nese ano, de Cantos caucanos. A maiores, organizou o volume Raiceiras e vento, onde un grupo de poetas de lingua inglesa homenaxean o gran poeta de Noia desaparecido. Participou tamén como editor no volume Reading Spanish and Latin American Literatures: New Directions in Research, aparecido en 2005.


Comentar