La Voz de Galicia

«O BNG ten que volver a ilusionar á cidadanía»

Firmas

J. Fuentes vigo / la voz concelleiro do BNG, exvoceiro

Asume que deixar o cargo «vai requirirme un pequeno esforzo de adaptación» despois de 20 años en el Concello

06 Jan 2013. Actualizado a las 07:00 h.

A semana que hoxe remata foi a semana do adeus para Santiago Domínguez. Despois de case que sete anos deixou de ser voceiro do BNG aínda que manterá o seu escano na corporación.

-¿Como se encontra 72 horas despois da súa dimisión? ¿Relaxado?, ¿baleiro?

-Moi tranquilo sabendo que nada va a cambiar no traballo e na colaboración dentro do grupo nacionalista. O grupo quedou en boas mans, en moi boas mans.

-¿Será fácil o traballo no grupo e no Concello para vostede nos dous anos que restan ata as eleccións municipais?

-Deixarei o posto de concelleiro nesa data e ata entón seguirei traballando. En calquera caso, todo cambio ten que conlevar unha adaptación.

-¿E como o fará agora sendo un simple concelleiro?

-A responsabilidade non será a mesma como concelleiro que sendo a cara do BNG de Vigo. Loxicamente, a nova situación vai requirirme un pequeno esforzo, pero hai que seguir traballando por esta cidade.

-¿É positiva a súa valoración de ano e medio de oposición «construtiva» a Abel Caballero?

-Penso que calquera labor, do goberno e tamén da oposición, sempre debe valorarse segundos os logros conqueridos. No caso do goberno, polo que consegue facer, e na oposición, por influír para que o goberno faga ben as cousas.

-Quere dicir que o goberno de Caballero faino ben grazas ao BNG...

-Grazas ao BNG a cidade pode ter uns orzamentos que aseguran a cobertura social e a creación de emprego. É o exemplo máis importante: fomos quen de obrigar ao goberno a conxelar a tarifa de Vitrasa e o prezo do recibo da auga.

-En resumo, un balance sumamente positivo.

-A realidade é que o BNG é a única forza da oposición que controla ao goberno e pon sobre a mesa as súas alternativas.

-¿Pensa o mesmo dos catro anos anteriores, os de goberno de coalición con Caballero?

-Enumerar os logros desa etapa é moi longo, pero os resultados están aí, a vista de todos.

-¿Pensa que os cidadáns entenderán o apoio a Caballero desde a oposición?

-Todo vai depender de nós. Cando hai malos resultados non é o cidadán o que se equivoca. O BNG tense equivocado, pero non en Vigo, en Galicia.

-¿E cal sería a solución para o BNG?

-Ser capaces de transmitir mellor o que facemos e ser máis permeables ao que a cidadanía nos vaia dicindo. É dicir, volver a ser a forza política que en algún momento ilusionou á cidadanía.

-¿Que fará a partir do ano 2015, cando abandone a corporación?

-Teño un posto de traballo que me gusta moito e volverei para o meu colexio como profesor de secundaria obrigatoria. Penso xa no prazo duns meses empezar a reciclaxe despois de 13 anos fóra do ensino.

-¿O recordo máis duro que se leva?

-A campaña de inxurias de hai anos, e non por min senón pola miña familia.

santiago domínguez olveira concelleiro do BNG, exvoceiro


Comentar