La Voz de Galicia

«A música relixiosa transmite en xeral moito sentimento»

Firmas

ENCARNA PEG0 Tenor

Leva 53 anos musicando a maioría das cerimonias relixiosas en Ribeira

24 Apr 2014. Actualizado a las 20:16 h.

Nunha fresca mañá desta primavera que se empeña en despistarnos, comparto café co tenor que leva 53 anos acompañando a maioría das cerimonias relixiosas en Ribeira. Faise raro velo así, sen o harmonio e fóra do templo. Tucho é o amo da tribuna parroquial. A súa potente voz sería quen de rachar a bóveda da Capela Sixtina, mentres a nosa retina representa as imaxes do Xuízo final tal como as pintou Miguel Anxo no muro da mesma capela.

-Sabe, Tucho, que as cancións nos fan sentir máis amor nas vodas, pero máis fonda a tristura nos funerais?

-Sí, sei que a música relixiosa transmite en xeral moito sentimento. Nas vodas cantamos algunha canción de Il Divo, como Tu lugar es a mi lado, que parece que se moven as candeas; e levamos voces masculinas e femininas, e varios instrumentos: violín, contrabaixo... Para un funeral escollo só o órgano e prefiro voces masculinas, graves, máis axeitadas, ao meu ver, cun acto fúnebre. Solemnidade na tristura. Teño visto chorar lobos de mar, coa Salve mariñeira, ou nalgunha despedida de funeral coma o Adeus irmán.

-Como fai nos funerais da familia?

-Non canto, porque mo pide a familia, pero non tería inconveniente. Chamo a Lauda Sion, da Pobra, que me gustan moito; pero síntome raro, un pouco descolocado, xa que levo máis de 50 anos cantando todas as semanas.

-Aínda se cantan na Semana Santa aquelas cancións que nos facían sentir tan culpables?

-Non, cambiouse moito o repertorio. Algunha daquelas cancións non dicía nada, nas últimas décadas cántanse letras máis humanas.

-Séntese máis mestre ou máis cantante?

-Empecei antes a cantar, aos 11 anos. Como mestre traballei 15 anos no colexio El Pilar, ata a súa integración no Galaxia, onde seguín ata a xubilación. Alí ensaiaba todos os anos un coro duns 100 alumnos/as.

-Por que se dedicou á música sacra? Nunca o tentaron a lucir esa voz nos escenarios?

-Fixen aquí a miña vida de mestre e sentinme moi a gusto cantando en Ribeira e arredores. Unha vez, ao remate da misa de 12, estábanme agardando dúas señoras que me preguntaron se era eu o que tocaba e cantaba, e preguntáronme se non me gustaría darlle outra proxección á miña carreira. Unha delas díxome que aquí estaba a perder o tempo, que se fose a Barcelona, cun pouco de traballo, podería abrirme un camiño importante no mundo da música. Non tiven ningunha dúbida, fun e son feliz así. Pero non renunciei a cantar fóra cando mo pediron. Cantamos vodas en Santander, en Sevilla, en Pereiro de Aguiar, e nalgunhas outras festas.

-Fálenos das obras e dos seus autores favoritos.

-Beethoven, coas sonatas 14 e 23 para piano, Claro de luna e Appassionata, o mellor remedio para todos os males. Tamén Richard Strauss, Mozzart... Entre os españois, Arrieta, de quen me encanta a súa zarzuela Marina; de Chueca, Agua azucarillos y aguardiente; e logo A revoltosa, de Chapí. De Falla, El amor brujo. E o gregoriano: Os romanos empregábano nas festas e agora estamos volvendo a el. Unha misa ou un motete gregoriano resulta algo fóra de serie e escoitalo na catedral, unha marabilla

-E das voces actuais?

-Aprecio Milladoiro dos grupos galegos. Na lírica, José Carreras, antes do problema de saúde. Agora escollería a Plácido Domingo, que ten unha voz moi versátil.

-Non ten cancións de feitura propia?

-Si, teño algunha peza , mesmo adaptada xa para cantar na Coral, pero son reservado coas miñas obras. Pido as cancións á Fecoga (Federación Coral Galega), que ten un gran arquivo, e logo fago os arranxos para axeitalas ás voces da Coral do Círculo Mercantil, que fundei hai 36 anos, e coa que facemos unhas vinte actuacións anuais por toda Galicia. Somos unhas 48 voces. Da primeira época só quedamos Suco e máis eu.

-Como andan de acústica os nosos templos?

-A igrexa de Ribeira ten moi boa acústica, igual que moitas das antigas que hai pola redonda, como a de Queiruga, ou San Martiño de Noia. Nas modernas, en xeral, non é tan boa.

-E que fai no templo libre?

-Tocar o piano e cantar? encántame. Tamén ler, e ver fútbol. De rapaz xogaba no Pontevedra, co nome de Isidro; agora non xogo, pero son futboleiro.

ILUSTRACIÓN ABRALDES


Comentar