O estudo máis extenso sobre as pinturas da igrexa de Pesqueiras
Firmas
En agosto aparecerá un libro dedicado ao conxunto artístico chantadino
10 Jul 2013. Actualizado a las 07:00 h.
O próximo 11 de agosto será presentado na igrexa chantadina de Santa María de Pesqueiras un libro sobre as pinturas murais renacentistas que alberga este templo románico. A obra titúlase As pinturas renacentistas de Santa María de Pesqueiras e o seu autor é o escritor Xosé Lois García, presidente de Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada. Este conxunto artístico xa foi mencionado no libro La pintura manierista en Galicia, de José Manuel García Martínez, e nun estudo sobre o románico lucense do sacerdote e historiador sarriao Francisco Vázquez Saco. «Son unhas achegas interesantes, pero bastante breves, que forman parte de traballos máis extensos», sinala García. O seu libro, polo contrario, céntrase de forma exclusiva nestas pinturas, a cuxa análise dedica cerca dun cento de páxinas.
O conxunto de pinturas divídese en tres seccións, que García chama «secuencias». Unha delas, na parte central do presbiterio, representa os temas do Pantocrátor e a Anunciación. As outras dúas, nos muros laterais, están dedicadas respectivamente á resurrección de Cristo e o Xuízo Final. Segundo indica o investigador, esta temática procede da pintura maneirista italiana e propagouse -con algunhas variantes- no século XVI pola Península Ibérica a través de Cataluña e Valencia. «Na Ribeira Sacra temos máis exemplos deste tipo de pinturas, como ás igrexas de Nogueira de Miño, tamén en Chantada, e Lobios, en Sober», explica.
As pinturas de Pesqueiras datan de mediados do século XVI, segundo indican as vestimentas dos personaxes, típicas dos reinados de Carlos I e Felipe II. Pero o conxunto artístico -engade García- encerra outras informacións históricas, relixiosas e culturais menos evidentes que só se poden captar mediante un estudo detallado do simbolismo propio de esa época. Detalles como as cores da pintura, sinala a este respecto o escritor, non foron escollidas caprichosamente polo artista anónimo ao que se debe esta obra. Na parte central do conxunto predominan a cor branca e a vermella escura, que simbolizan a luz divina e o sangue de Cristo. Na escena da resurrección abundan as cores grises e cinzentas, que representan o tránsito entre a vida e a morte.