La Voz de Galicia

Terremotos, latexos do planeta

Firmas

JOSE LIRES

Seguiremos expostos a unha enchente de novas sísmicas

31 Jan 2014. Actualizado a las 07:00 h.

Vivimos tempos convulsos no diario das nosas vidas e agora tamén nestas latitudes, como compoñentes dun sistema interconectado -na mellor onda Lovelock-. Gaia semella apuntarse á avoltura.

Os terremotos non se desencadean dun xeito azaroso. O brazo executor apunta en primeira instancia ás placas tectónicas e á súa ancestral teima de facer bailar os continentes -fillos emancipados da última Panxea- a un ritmo lento nunha danza repetitiva de encontros e desencontros. Mentres a pistola fumeante móstrase na codia terrestre como unha sorte de fracturas que van acumulando todos os empurróns derivados do baile. Chegado o momento, fartas de soportar tanta infamia, liberan a súa carraxe en forma de ondas sísmicas facendo tremer o territorio.

Mais non debemos eludir a nosa responsabilidade. De certo, como outra premisa desacougante que afirmaría un novo tempo xeolóxico -o Antropoceno- semella que a nosa especie podería ser quen de aliviar esa carga tensional das fallas: explotación sistemática dos acuíferos subterráneos, creación de enormes lagos artificiais, posta en marcha de proxectos de fracturación hidráulica ou de inxección de gases no subsolo... Prácticas antrópicas con risco de provocar unha sismicidade inducida, termo que levanta ampolas nas institucións.

Porén, non parece que sexa esta a causa máis acaída para explicar a crise sísmica que vimos a padecer na bisbarra do Barbanza, con case trinta sismos localizados ao suroeste de Porto do Son dende o pasado verán. Voces expertas revelan un proceso de levantamento da costa galega amén da colisión entre as placas Africana e Eurasiática. Noutros casos a navalla de Ockham atráncase na súa funda e resístese a asomar, sobre todo cando o factor humano empeza a facerse patente na ecuación -é menos comprometido ver a casualidade que afondar na causalidade.

O pequeno enxame sísmico desatado no litoral ponnos en aviso sobre os riscos asumidos como especie e fainos pensar na recorrencia destes eventos.

Revisar os cálculos

Certo é que acudindo ás fontes fiables non deberiamos esperar na bisbarra terremotos de grandes magnitudes. Así e todo non estaría de máis que as autoridades con responsabilidade neste eido revisasen os cálculos de perigosidade sísmica, determinada nas normas sismorresistentes vixentes, co fin de avaliar con mellor precisión o risco ante eventos futuros.

Ou moito cambia o conto ou de aquí en adiante seguiremos expostos a toda unha enchente de novas sísmicas, enfornadas polos organismos oficiais e difundidas a través dos máis diversos medios. Preséntase unha boa oportunidade para pedirlle un chisco de cultura científica á mass media, e xa que teñen o compromiso de informar, esixirlles que adoben as crónicas cun mínimo de rigor. Son poucos e repetitivos os termos a usar no corpo da nova, só se precisa atención e interese polo asunto. Difícil? Non o creo. Así evitaríannos o rubor de atoparnos con epicentros a quilómetros de profundidade e mesmo os suspiros de Richter e Mercalli cada vez que se perverten as súas achegas á ciencia sísmica.

De calquera maneira a min pódeme a curiosidade de coñecer; a vós non?

Unha falla NE-SO, que se pode ver dende A Curota, controla o leito do río Barbanza


Comentar