«Claro que esta situación económica afecta, pero non hai crise de talento»
Firmas
Iniciouse no mundo do teatro hai 28 ou 30 anos de forma casual
10 Oct 2014. Actualizado a las 12:56 h.
O noso convidado para este comezo de curso é un ribeirense que leva toda a vida dedicado ao ensino, e que descubrimos un día convertido en dramaturgo. De formación autodidacta, o teatro é a súa vida, algo irrenunciábel para el. Falamos de Cipriano Fernández Fernández.
-Como empezaches a escribir teatro?
-De forma entre casual e obrigada hai uns 28 ou 30 anos. Pedíronme participar cunha actividade no festival do colexio o Día das Letras Galegas e unha representación era o máis fácil para min. Non atopei moito teatro infantil en galego e adaptei unha lectura do libro de lingua. O segundo ano probei a darlle forma eu (sempre me gustou escribir, pero a intención primeira ía polo relato). Comecei a escribir sen dominar o galego, pero fíxenme con algún manual e dicionarios, nos que sigo apoiándome sempre.
O sistema era coma o de Roberto Vidal Bolaño (salvando as distancias). Escribir unha obra e representala, e, ao ano seguinte, outra. Agora estou xa coas dúas do vindeiro curso, unha para o Día das Letras, e outra para a Mostra de Teatro Infantil de Ribeira; traballo con dous grupos cada ano, un do Colexio e o outro da ANPA.
-Que tipo de obras escribes e por que?
-A miña obra ten dous obxectivos: primeiro, divertir, e logo transmitir unha mensaxe, que pode ser máis ou menos comprendida. Pero o fundamental é divertir. Escribo teatro baseándome en situacións actuais, cotiás, e pensando que vai ser representado polo meu alumnado. Temas coma a discriminación, a diversidade, o respecto pola natureza. Hai uns anos quería tratar o tema da alimentación equilibrada: control de calorías, colesterol... Camiñando pola rúa topei cunha tenda de lambetadas, e xurdiume a idea da Raíña lambona. As cagadas dos cans nas beirarrúas inspiráronme outra. Procuro facer o maior número de personaxes posible para que participe a maioría da clase; non busco actores, busco a participación. Pero si que no medio hainos con moito talento, verdadeiros artistas. Teño máis actrices ca actores, así que nas miñas obras predominan os personaxes femininos.
-Como acollen as alumnas/os o teu traballo?
-Moi ben, conseguín transmitirlles o meu entusiasmo. Participan moitas alumnas/os voluntarios, de terceiro, cuarto, quinto e sexto de primaria. Pásano ben nos ensaios, que piden xa en setembro, pero empezamos en outubro. Ademais da interpretación traballamos moito a vocalización, pois é fundamental para unha boa actuación. Desgraciadamente, desde hai 10 ou 15 anos falla a cultura do esforzo. Coido que se deixan acomodar, dedican moito tempo ás novas tecnoloxías, e precisan que os maiores os animen a acudir a clases de música, de teatro, deportes... que lles axuden a desenvolver a súa personalidade e a perder a timidez. Co teatro chegan a sentirse incribelmente seguros e decididos.
-Como é o teu proceso de creación?
-Eu aquí diría coma José Luis Sampedro, «escribir es vivir». Eu son introvertido e tímido, saio pouco, e pásoo moi ben escribindo. Dedícolle moito tempo, pero con gusto. Diría que son un escritor lento, non teño présa. Claro que o mellor é cando chega a inspiración, pois non é só cuestión de tempo. Normalmente paso varias horas escribindo, polo serán. Doulle moitas voltas, traballo moito o léxico, busco a retranca... Neste momento teño arredor de seis obras listas para ser publicadas, pero escritas levo sobre 60.
-Pode o teatro competir co cine?
-Fálase de xeito permanente da crise do teatro. Habería que xuntar especialistas no tema para que estudasen cales aspectos están en crise e pórlles remedio. Pero se persoas coma Nuria Expert din que non hai tal crise, haberá que crelas. Claro que esta situación económica afecta, recórtanse as subvencións, sobe o IVE, pero crise de talento non hai. Outra cousa é que consigas publicar un libro de teatro, iso é bastante difícil. O cine ten recursos que o fan máis atractivo, pero vexo películas americanas cun dispendio de efectos especiais que non me din nada. A comunicación e a emoción que se crean entre actores e público non precisan de efectos especiais. A xente sae satisfeita de veren unha obra de teatro, e o aforo énchese.
-Cales son os teus autores e obras favoritos?
-O primeiro, Shakespeare (Hamlet é para min a perfección); e logo citaría dous americanos: Arthur Miller (A morte dun viaxante), anos 50, e Tennessee Williams, A gata sobre o tellado de zinc. En galego gustaríame ler as obras de teatro que escribiu Lustres Rivas, sei de dous títulos polos menos. Encantaríame conseguilos.