La Voz de Galicia

Namorado do ensino e a escrita

Firmas

10 Oct 2014. Actualizado a las 05:00 h.

Cipriano Fernández Fernández nace en maio de 1952, en Ribeira. Recibe a súa formación primaria no colexio Mariño, fai o bacharelato no Galaxia, quedando vencellado a esta casa toda a vida xa que, tras facer Maxisterio en Santiago e o Servizo Militar, volve alí coma mestre.

Recoñece que a mili era un tropezo na carreira profesional, pero procurou seguir formándose. Despois da instrución foi destinado a Madrid, onde pateou a capital, os barrios, e provincias próximas, empapándose de cine, teatro, museos... Lembra un capitán, galego, que adoraba a poesía de Rosalía de Castro, e dous grandes amigos, un asturiano e outro catalán. No lado negativo, viviu alí os asasinatos de Atocha.

A paixón pola literatura é herdanza do seu bisavó Manuel, de Carreira. Sendo labrego gozaba da lectura, pois tivera uns familiares cregos e na casa había moitos libros (xa tiña daquela boletíns franceses): sentaba os netos a carón da lareira para lerlles contos e contarlles historias. A nai de Cipriano animouno para que estudase. Intelixente e adiantada ao seu tempo, tería feito unha carreira se non vivise a guerra e a posguerra, e nunha sociedade demasiado machista.

Cipriano é fiel ao teatro desde que viu na TVE Estudio Uno. Confésase máis de Calderón ca de Lope, lembra especialmente La vida es sueño. En galego, a súa obra favorita é Os vellos non deben de namorarse.

Xurado literario

Formou parte do xurado da última edición do premio de novela curta Cidade Centenaria de Riveira, experiencia interesante e de moita responsabilidade.

Ten a fortuna de poder combinar as dúas paixóns, o ensino e a escrita. Pero non é un «cultureta», hai outras cousas que o entusiasman, coma o fútbol (non perde o seu partidiño da semana, no campo ou pola tele). Goza tamén da música e do cine. Mozart, Chopin... nunca se cansaría de escoitar o Adaggietto de Mahler, a banda sonora de Morte en Venecia, que tamén lle encanta, igual que as películas baseadas nas obras de García Márquez, e outras de corte realista en xeral. Tamén a música dos 70-80 (Roberto Carlos, Bárbara Streisand, Pink Floyd).


Comentar