«Galicia necesita centros de referencia que coñezan o país»
Firmas
O enxeñeiro industrial e exparlamentario presentou onte na USC a súa tese doutoral sobre o Banco Olimpio Pérez
25 Oct 2014. Actualizado a las 05:00 h.
Xoán López Facal regresou as aulas universitarias da Facultade de Económicas para defender a súa tese doutoral, O Banco Olimpio Pérez, 1880-1936, dirixida por Xoán Carmona.
-¿Por qué elixiu ese tema?
-Vivín os anos da miña adolescencia, antes de ir a estudar Enxeñería Industrial en Madrid, na miña casa familiar en Cervantes e, polo tanto, fronte ao edificio Simeón (agora centro social de Abanca). E cando decidín facer a tese, pensei na historia económica, e que mellor que a historia de Olimpio Pérez.
-¿Que representou o Banco Olimpio Pérez na historia de Santiago?
-E un banco familiar. Fundado por Manuel Pérez, que casou cunha das ricas de Santiago. En 1847 fundou o banco e dedicouse fundamentalmente ao tráfico de mercadorías e, despois estendeuse ao comercio por Inglaterra, Cuba, Arxentina e Uruguai. Estas operacións permitíronlle operar cos grandes bancos internacionais. En 1880 morreu e seu fillo, educado en Bilbao e Londres, e Olimpio faise cargo do banco ata 1915.
-¿O Banco Olimpio Pérez financiou proxectos?
-Olimpio Pérez e Simeón García, do Banco Simeón, xunto a Cardenal Payá, montaron o chamado manicomio de Conxo en 1885. E, a principios do século XX, Olimpio, cos cartos do banco, financiou o que hoxe é a casa do concello de Madrid, na praza de Cibeles. Moita historia de Santiago está vinculada ao Banco Olimpio Pérez.
-¿Tamén proxectos sociais?
-Era moi relixioso e era socio de institucións como a Cociña Económica, e apoiou calquera tipo de plataforma que beneficiase ao pais e a xente humilde. Era un banqueiro importante, pero procuraba axudar pola súa condición profundamente relixiosa. Os cartos non os regalaba, pero tamén quería salvar a súa alma. E seguro que a salvou. Cando estalou a Primeira Guerra Mundial, acabouse o seu mundo. E quixo deixar todo arranxado. Foi cando o banco pasou a chamarse Olimpio Pérez e Fillos, para que no tiveran que facer papeis a súa morte. Co tempo pasou a ser Banco Gallego e é o actual SabadellGallego.
-O mapa bancario galego de principios do século XX era radicalmente diferente ao actual.
-Galicia, a finais do século XIX e principios do XX, estivo chea de axencias bancarias e financeiras para recibir as remesas dos emigrantes e para moitos outros movementos. Houbo moitos bancos familiares, e o máis importante foi Banco Pastor, polo tanto tivo un mapa bancario rico e importante.
-¿Que supón a perda de entidades bancarias?
-Un país que non ten instrumentos propios é un país que desmerece. Galicia non sería igual sen Zara o Citroën, pero tampouco vai ser igual sen un Banco Pastor ou sen as caixas. A xente que pensa que o capital non ten fronteiras, non sabe do que fala. Os países precisan centros de referencia que coñezan ben o país. É unha perda.
Xoán lópez facal Economista