Perdido no camiño
Fugas
20 May 2016. Actualizado a las 05:00 h.
Paseo pola Insua dos Poetas nunha tardiña primaveral. Oio cucar o cuco, sinto agromar as árbores, intento enxergar cromías. Non todas, tanto verde anubíame os ollos. Cheira a natureza podente, a herba tenra e vizosa. Da Fonte das Sete Palabras vou bater de fronte, maus e boca, con Rosalía, Curros e Pondal. Rexurdintes todos tres en espiral, granito liso e abrancazado, elicoidal fala que fixen miña, verbo que amo limpo, que circula no sangumiño dos ósos da linguaxe. En grau moreno, salferido de mica faiscante coa luz, canta baixiño con voz humilde Díaz Castro, un paso adiante e outro atrás... Transcorre o tempo. Subo ata a cima da Revolta, onde entre carballas, o solitario Eduardo Blanco-Amor campa proclamando a grandeza da palabra con sabor a aceiro enferruxado. Óllame de esguello e, cun sorriso húmido e tristeiro, agradece o conxunto propio. Tarde, sempre resulta serodia a xustiza restaurada, rosma. Marcho, e ó pé das cerdeiras noviñas, Celso Emilio Ferreiro trata de irmaus a todo o mundo, a emoción tólleme a gorxa enteira. Sen rumbo, vou dar onda Francisco Luis Bernárdez que non di, non, aquelo de «tan unidas están nuestras cabezas/ Y tan atados nuestros corazones,/ Ya concertadas las inclinaciones/ Y confundidas las naturalezas»... Senón que permanece coa vista fixa na estreliña que marca a patria anterior na inmensidade do universo; declárase arxentino pol-o nascimento, mais galego pol-o nobre sangue... Sen resposta, chamo por Castelao, Otero Pedrayo e Antero de Quental, Aquilino Iglesia Alvariño, Hart Crane, Cunqueiro e García Lorca. Vénme nun intre o rostro adolescente de Ramón de Sismundi, aló na rúa Esmeralda, pero logo volvo a Cernuda, Poe, Whitman, Maiakovski, Lugones, Borges, Alfonsina Storni, Pura Vázquez, Pavese, José Ángel Valente, Sylvia Plath, Gabriel Ferrater, Alejandra Pizarnik? Doulle unha aperta a Carlos Casares nun recuncho agarimado polo sol, abrigado de calquera vento ferido?Corto unha vara coa navalla e fago dela caxato para erguer pernas e pés por riba das lembranzas, do desamor e da infamia. Transito do raso ó acolleito, da tenrura ó desacougo. Trepo na vida andada con todo o peso do corpo. Sento e escribo a berros para que ninguén me escoite: Estou na folla nova, pequerrecha, onde as bágoas de maio pingan lume no peito. Non son máis ca unha ansia pendurada na que latexou a sinxela transparencia depar do fío da espada, desesperadamente detida agora, con cores de derrota. Sinto Buenos Aires no pasado, ámoa hoxe, vívoa no veleno da fuxida. Ela é a levidade do meu segredo, un soño que foi verdade.