A revelación dun mundo que quedou escrito
Fugas
O profesor, ensaísta e crítico literario Ramón Nicolás (VIGO, 1966) alumea na súa primeira novela o vigoroso universo social, territorial e lingüístico dunha Galicia medieval escurecida. E faino a través da relación epistolar de dúas mulleres, a mística alemá Hildegarda Von Bingen e a abadesa Guiomar de Ramirás. Ofrecemos un adianto editorial
03 Jun 2016. Actualizado a las 05:05 h.
Un mundo poboado de vasalos da señora de Ramirás, como quería que se sinalase nos documentos, «obedientes, humiles et mandati»; persoas sometidas que ela amparaba na vida, mais tamén non esquecía na morte cando cumpría aplicar a loytosa, cobrada á morte dos aforados, ou a partiçon, cando marchaba a ver a Deus a derradeira das voces vivas dun foro e os bens retornaban ao mosteiro. Con todo, a ona Guiomar gustaríalle que se simplificasen os foros, preferiría que fosen menos prolixos e que neles se omitisen os matices de todos coñecidos, de aí os comúns «foros e dereituras quaes foron husadas» ou «et dardes a taes foros todas dereyturas quaes foron husadas ata aqui», asumindo que poucos labregos entenden xa aquel latín e que, talvez, xa é tempo de que os escritos se redacten na lingua viva que se fala, accesible e clara para todos.
Recoñecía que os consellos da ona María Iáñez resultaran clave na súa aprendizaxe para desenvolverse neste complexo mundo con habelencia e con certas garantías. Como, se non, sería quen de distinguir bens que ían desde o monte, culto ou inculto, con augas ou sen elas, pasando por leiras de herdade ou simples, con ou sen casal; como valorar con equidade quiñóns de monte, matos, muíños, fornos, vides, casas, terreos de casas para construír, soutos, carballeiras, figueirais, cortiñas, searas, eiras e terras de labranza, levadas e presas, celeiros, dereitos de paso, medios lugares, terzos de lugares, cuartos de lugares...; como aplicar con xustiza a duración dos foros ou determinar as rendas anuais acaídas sen forzar de máis os foreiros; como marcar os soldos, denarios e marabedís, as proporcións xustas do cultivado e do roturable, do que se podería traballar, de como é de verdade a calidade do terreo e cal será a súa fertilidade, sen esquecer as rendas especiais en función, tantas veces, das festas relixiosas dos lugares... Lexións de capóns e galiñas a entrar no convento pola Pascua, polo san Xoán, polo san Martiño, no Aninovo, na Cinza, no Entroido ou na Coresma, polo san Pedro, por santa Mariña ou por santa María..., polos Santos Defuntos ou o Santo André, canta fartura transformando o convento nunha despensa grandiosa.
A clausura, como evidenciaban os textos que lía e relía, resultaba laxa, pois era preciso estar en contacto con cregos, servos e labregos; vixiar as terras, visitar casais e igrexas. Non negaba que lle gustaba chamar o seu mormodo e ver bulir a vida fóra, os días e os traballos, confirmar o bo estado dos privilexios rexios, percorrer a propia freguesía e as máis próximas de Santa María de Vilameá e Santiago de Rubiás; mais tamén, en ocasións, deixarse ver polas pertenzas de San Salvador de Penosiños, San Salvador de Redemuíños, Santa María e San Pedro de Leirado, e tamén as máis distantes -de aí o dereito de pousada que estendía cada vez que podía nos foros- en Acevedo, Milmanda, Cexo, Pao, Fustáns, Poulo, Valongo, Pontedeva e A Torre. Sabía que non debía esquecer os bens menores, pero dignos de atención, que lle cadrara en sorte administrar nas parroquias de Bangueses, Cadóns, Escudeiros, Freás de Eiras, Grixó, San Pedro de Mosteiro, Padrenda, Paizás, Penelas, Refoxos e Soutomel; igual que as tenzas de pertenza monástica en Melgaço, Ribeiro de Avia, Carballeda, Beade, San Cristovo de Eigón, Vieite e Osmos. Este era o universo terreal que lle fornecía o poder, eses os privilexios que traballaba por manter; o outro, aquel reino que está máis preto do ceo branquísimo da Fonte Branca, arriba de Silvaoscura, que sempre nos mira desde o outro reino -como gustaba de dicir-, polo de agora pode esperar.
- «O ESPELLO DO MUNDO». NOVELA. Ramón Nicolás. Edicións Xerais. 192 páxinas. 16,65 euros