La Voz de Galicia

Baleirar o fardo da memoria

Fugas

Ramón Nicolás

Queipo retorna á narrativa cunha espléndida novela de aventuras e introspección psicolóxica que foi galardoada na última convocatoria do Premio Blanco-Amor

24 Jun 2016. Actualizado a las 05:00 h.

Un exercicio terapéutico consistente en escribir e relatar as vivencias dun científico naturalista, concretamente un botánico evolutivo, transfórmase no recurso literario que posibilita reconstruír, e gorentar sen descanso, un feixe de aventuras experimentadas no medio da selva amazónica á procura, inicialmente, dun exemplar de bolboreta tropical que a ciencia case descoñece. O casulo das vivencias persoais do protagonista, así pois, vai abandonándose para afrontar unha vida nova, sobre todo a dos capítulos que corresponden ao relato centrado no que se ve e se sente: páxinas maxistrais ao visualizaren con transparencia e fulgor a metamorfose respecto da que o lector nunca queda inmune. Todo isto convida a pensar que Os kowa arrastra canda sí algo máis, isto é, algunhas das preguntas inherentes á condición humana como a procura da propia identidade, a esculca no territorio ou territorios aos que se pertence, sen esquecer nin a singularidade que posúe a ollada científica sobre a vida e a biodiversidade, nin a soidade e os fíos que nos anoan, ou non, ás nosas raíces ou todo aquilo que se conecta ás percepcións sensoriais, á entropía ou ao concepto de viaxe como descuberta recorrente.

Queipo retoma, ao meu xuízo, o pulso á prosa máis intensa e desacougante da súa longa traxectoria como narrador, con chiscadelas á súa obra anterior. Hai algún tempo afirmaba, nunha entrevista a Xesús Fraga, que «explorar é necesario para un escritor, na forma e nos contidos». Con Os Kowa o autor perservera, felizmente, nesta vontade e teño para min que cun balance moi positivo. Convido vivamente a ler esta novela: non dubido que un dos grandes libros desta tempada literaria.

 Os kowa. Novela. Xavier Queipo. Galaxia. 252 páxinas. 17 euros


Comentar