La Voz de Galicia

O espello retrovisor de Antón Patiño

Fugas

Ramón Nicolás

Manuel Rivas, prologuista deste «Libro dos Lugares», fala con admiración desta obra e non é de estrañar, abofé que non.

20 Oct 2017. Actualizado a las 05:23 h.

Manuel Rivas, prologuista deste libro, fala con admiración desta obra e non é de estrañar, abofé que non.

Hai libros que son dos abrazos, outros dos segredos e mesmo hai un, marabilloso, que se titula Libro dos amigos, e que subscribiu Otero Pedrayo. Agora, no ronsel de todos os anteriores, este Libro dos lugares érguese como unha verdadeira alfaia tanto polo que se conta nel como polo xeito en que se conta.

Patiño colle o espello retrovisor e decide ollar cara aos lugares polos que camiñou, por aqueles espazos que, dun ou doutro xeito, deixaron algunha pegada nel. Mais eses territorios non só físicos: hai tamén neste libro non-lugares, mesmo ex-lugares ou des-lugares e todos eles constrúen a identidade biográfica.

Circulan por aquí libros, moitos libros, cos que sempre se dialoga; mais tamén hai presenzas e voces que falan a través do autor, articulando así un discurso novidoso que fonde xéneros e xera unha aliaxe compacta e, ao tempo, liviá. Ao pasar estas páxinas séntese chegar o arrecendo a crónica e outras a diario; ás veces brilla unha particular visión aforística e en ocasións abéirase ao ensaio literario ou artístico; mesmo aquí e acolá agroma recurso poético coma se a expresión narrativa non abondase e a capacidade suxestiva desa «chave para o reencantamento do mundo» fose o elemento preciso que ofrece unha lectura máis suxestiva, plural e enriquecedora.

O autor afirma que esta é unha escrita autobiográfica que entende como un calidoscopio, unha botella dun náufrago, unha cartografía plural con sedimentos biográficos. En efecto, é isto todo convertido felizmente nun palimpsesto que nos convida a reescribir. Incorpora deste xeito a memoria do pai e dos espazos territoriais compartidos, mais tamén aqueloutra experimentada con Oroza, Novoneyra, Pimentel ou Lugrís, con Atlántica ou Rompente; ou a que suxire o encontro coas palabras de Walter Benjamin, Baudelaire ou Lois Pereiro; tamén co que significa a tradición pictórica de Colmeiro, Laxeiro ou Guillermo Monroy. Exhibe Patiño, un «militante da melancolía», desde as instancias do librepensamento, da imaxinación creadora e coa ollada posta nesas pontes que hai entre natureza e cultura, as claves críticas do noso tempo, abrazando a fe da memoria que sempre traballa en nós. E nesa intersección é onde nacen espirais de palabras, infinitas e brillantes, que fan deste libro algo imprescindible.

cedida

AUTOR

ANTÓN PATIÑO

EDITORIAL

ELVIRA

432 PÁXINAS


Comentar