La Voz de Galicia

Un canto á vida musical e suxerinte

Fugas

X. L. Franco Grande

09 Aug 2019. Actualizado a las 05:00 h.

Con esta nova novela volve Marina Mayoral a moitos dos seus temas preferidos, entre eles o da ambigüidade -neste caso a sexual-, sen afastarse tampouco dos do amor, a vida e a morte. Unha novela polo demais desas que se len dunha sentada, porque préndenos dende a primeira páxina e lévanos dereitos á última. Ao que aínda debemos engadir a súa prosa clara, precisa, musical, suxestiva e suxerinte.

O personaxe central da narración, ou un deles, porque por tales podemos ter a varios, é un homosexual, pero que se pode comportar ás veces como bisexual e que, despois de moitas voltas, casa e ten fillos, xustamente con outro dos personaxes principais da novela, muller que na súa mocidade foi violada por varios rapaces da vila -de Brétema, esa Brétema na que acostuman moverse os personaxes das novelas de Marina Mayoral-, que semella que toleou debido a esa experiencia, pero que, ao cabo, despois dunha vida escura e illada, casa e ten un fillo co home homosexual, ou bisexual, co que atopa a súa felicidade definitiva, o seu encaixe existencial, ao cabo. O encaixe do un e do outro. Un e outro converxen en ser únicos no mundo. Un triunfo do amor sobre a morte -que na novela tamén está presente na dos violadores, se ben este tema ben merece comentario á parte-, sobre os prexuízos, un canto á vida.

Entre este dous personaxes establécense unhas relacións inicialmente ambiguas e finalmente moi claras, relacións que Marina Mayoral manexa coa habilidade que ela acostuma demostrar nese tipo de situacións, sempre posibles, sempre con outras lecturas, sempre susceptibles doutras olladas lóxicas e sempre tamén comunicadas ao lector con maxistral eficacia. O dominio narrativo que demostra debe ser subliñado.

Impresionan as páxinas nas que a rapaza violada deixa constancia da súa arrepiante experiencia de mocidade, ao longo de varios anos, algo en principio moi difícil de expresar, con riscos de caer en lugares comúns, pero que lonxe diso a autora desenvolve con autoridade de gran narradora en verdadeiros lóstregos expresivos, á marxe de calquera concesión sensibleira. Axuda moito a esa eficacia narrativa o recurso ao monólogo interior, do que se ten valido tamén en varias das súas novelas.

A narración desenvólvese en tempo presente (agás nos casos de monólogo interior, que se contan en pasado), recórrese moitas veces aos diálogos -sempre breves, esenciais e áxiles- e debúxanse con man segura uns personaxes que, sendo ou parecendo en xeral ambiguos, resultan tan ben definidos que nada teñen de «bretemosos», agás na súa propia ambigüidade. Mérito especial pola evidente dificultade de comunicalo así, e coa eficacia que Marina consegue.

Última, por agora, das súas novelas, engádese a unha obra narrativa de moita consideración, tanto polo seu volume -alá van máis de 18, sen contar os relatos breves- como pola súa importancia na narrativa española de hoxe, tal e como acredita o feito de ter sido traducida a linguas como o chinés, o alemán ou o polaco, entre outras. Un verdadeiro pracer ler boa literatura.


Comentar