La Voz de Galicia

Memoria republicana

Fugas

Ramón Nicolás

«Morrerei outro día», vibrante novela de Isabelle Alonso, beirea o xénero da biografía ficcional e lévanos, dende a reivindicación, da inocencia á madurez

08 May 2020. Actualizado a las 10:49 h.

«As palabras serven para todo. Se sabemos usalas, todos temos unha mina de ouro na boca», di o protagonista desta vibrante novela da escritora francesa Isabelle Alonso e traducida con excelencia por Isabel Soto e Xabier Ron. Probablemente son esas as palabras que lle permitirán salvarse e morrer outro día.

Hai tres focos de interese, cando menos, nesta proposta que beirea en ocasións o xénero da biografía ficcional. O primeiro abrangue o período histórico que o protagonista, Ángel Alcalá, un alter-ego de Vicente Alonso, pai da escritora, relata desde o seu nacemento en Valencia ata o ano 1939, cando se encontra no campo de concentración de Saint-Cyprien, territorio da ignonimia que tamén transitaron Lorenzo Varela ou Rafael Dieste. Todos os acontecementos pasan polos seus ollos: desde os da descuberta do mundo ata aqueles que o levan a alistarse como voluntario na contenda civil e a retirada a Francia, onde a visión das maletas abandonadas nas gabias é unha metáfora imborrable que todo o explica.

O segundo núcleo orbita arredor da formación do protagonista. Velaí as epifánicas páxinas dedicadas á descuberta da lectura ou á ledicia fraternal vivida na proclamación da II República, con momentos frustrantes nalgúns casos, felices noutros. Ángel é un neno precoz, aleuto e curioso en quen todo sedimenta, de arraigadas conviccións contaxiadas desde o seu berce polos seus pais, entusiastas cultivadores das ideas igualitarias e progresistas. Asemade, irá axustando o zoom da súa ollada: desde a inocencia inicial con que se ve todo, impulsado polos valores da solidariedade, ata a súbita madurez que as duras vivencias imprimen no seu carácter.

E o terceiro foco céntrase na reivindicación tanto da importancia da cultura para salvarse como da memoria dos vencidos, do trauma moral e lacerante que significou a guerra, na que sempre había inimigos nos dous bandos. Inesquecible.


Comentar